O BNG solicita medidas urxentes do concello da Guarda na“casa dos curas” no Muro
“Ou o concello da Guarda toma medidas serias con este inmóbel ou poderemos lamentar algunha desgraza”
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego presentou un escrito solicitando a actuación urxente na casa que linda co nº 4 da praza do Muro, coñecida como a “casa dos curas”. O inmóbel está nun estado semiderruido.
Dende o BNG temos constancia de que veciños e veciñas da zona notificaron ao concello do proceso de deterioro que está levando o que queda da casa. Tamén son coñecidos feitos ocorridos como o incendio do pasado verán que aceleran máis, se cabe, o deterioro da edificación.
Alí pódese observar o interior practicamente derruído, salvo unha parte da entrada, paredes moi deterioradas, constituíndo un serio perigo para calquera que pase ou se adentre no inmóbel.
Para o BNG é preocupante o acontecido hai uns días, veciños e veciñas do Muro escoitaron ruídos e voces de rapaces no lugar e un estrondo moi forte que semellaba ter caído algunha estrutura importante da casa.
“Temos que sinalar que, por fortuna, non ocorreu absolutamente nada, agás un susto tanto para a veciñanza como para os rapaces que alí xogaban. Pero, ou o concello da Guarda toma medidas serias con este inmóbel ou imos lamentar algunha desgraza nada desexábel”, dixo Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
O BNG considera que o actual estado ruinoso desta vivenda supón un perigo permanente e un deterioro da imaxe desta zona da Guarda, sendo o concello que ten a responsabilidade de velar pola seguridade da veciñanza e pola conservación da zona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario