19 de xuño de 2012

TOMIÑO

O ALUMNADO DE 1º DE ESO DO IES DE TOMIÑO RECADA CARTOS PARA SOS TOMIÑO RECICLANDO


 Carlos Villanueva Domínguez
Vicedirector do IES de Tomiño

O vindeiro venres 22 de xuño, ás 12:00 h. no salón de actos do IES de Tomiño terá lugar o acto de entrega á asociación asistencial SOS Tomiño dun cheque por valor de 850,00 euros recadados polo alumnado de 1º ESO  mediante a venda de produtos feitos con material reciclado  ao longo do presente curso académico. No acto estarán presentes os alumnos, representantes do Centro, do Concello, e da asociación SOS Tomiño.

A actividade encadrouse dentro da materia de Proxecto Interdisciplinar, na que os alumnos de 1º ESO desenvolven dunrante unha hora semanal un proxecto escollido polo centro no que se traballan desde un punto de vista práctico contidos de diferentes áreas.

Durante este curso eixe do proxecto foi a reciclaxe; os nenos e nenas recolleron materiais que normalmente rematan no lixo como son aceite usado, bolsas de plástico, camisetas vellas ou aneis das latas de refrescos, para elaborar con eles diferentes productos que puideran ter valor comercial, destinándose os cartos obtidos pola súa venta á asociación SOS Tomiño, que presta axuda no noso concello a persoas en situación de necesidade.

Con esta idea traballaron baixo a dirección da profesora Isabel Novoa, levantando unha producción nada despreciable de xabóns artesanais e artigos de bisutería que se entregaban en bolsiñas de papel feitas con follas de revista recicladas. Entre os meses de febreiro e xuño cada un dos catro grupos de 1º ESO acudiu unha mañán de mércores ao mercado de Tomiño a atender un posto cedido polo Concello para a venda destes produtos.

Repartíndose en rigurosas quendas para que todos puidesen ser vendedores por un día, os alumnos do IES de Tomiño puxeron unha nota de alegría na praza no Seixo, animando á xente a colaborar con eles e volvendo ao Instituto despois de esgotar totalmente a súa mercadoría.

Ningún comentario:

Publicar un comentario