6 de xuño de 2012

PONTEVEDRA


ÁBRESE O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA DIÚRNO DE BALNEARIOS
             

       Conta cun orzamento de 192.500 euros e 5.500 prazas


Un  total de 5.500 persoas poderán participar este ano no Programa Diúrno de Balnearios que pon en marcha a Deputación Provincial de Pontevedra co obxecto de contribuír a mellorar a calidade de vida dos maiores e a promover o seu envellecemento activo, ao tempo que se contribúe a dinamizar e desestacionalizar o sector dos balnearios e spas da provincia.
Os interesados en participar neste programa poderán solicitar praza desde este xoves, 7 de xuño, ata o vindeiro 29 de xuño, ambos os dous incluídos e poderán presentar as súas solicitudes ben nos concellos adheridos ben directamente na Deputación naqueles casos nos que o concello non se sume ao programa.
A iniciativa, que leva varios anos desenvolvéndose con moi bos resultados, vai destinada a persoas de máis de 50 anos, a pensionistas e tamén a aqueles homes e mulleres que se dedican ao coidado de enfermos ou dependentes e que precisan dun respiro familiar.
A través deste programa, as persoas interesadas poderán pasar cinco tardes seguidas nun dos balnearios ou talasos da provincia a uns prezos reducidos, dado que o custe total da praza será cofinanciado entre a Deputación –35 euros-, os concellos adheridos –10 euros- e os usuarios (que aboarán entre 29 e 69 euros en función do balneario).
Así, os prezos que deberán aboar os usuarios son os seguintes: Balneario Termas de Cuntis: 69 euros; Balneario de Mondariz: 62 euros; Balneario Hesperia Isla de la Toja: 66 euros; Thalaso Atlántico de Oia: 61 euros; Balneario Baños de Brea de Vila de Cruces: 52 euros; Spa Oca Galatea de Sanxenxo: 51 euros; Spa Norat Marina do Grove: 48 euros; Spa Oca Katiuska de Silleda: 30 euros; Spa Torre do Deza de Lalín: 29 euros.
A estes prezos haberá que sumar 10 euros naqueles casos nos que o usuario sexa dun concello que non participe no programa e, polo tanto, non faga a súa achega.
Campaña única
Como novidade, este ano o programa desenvolverase nunha única campaña e non en dúas como se viña facendo ata o de agora. Nos anos anteriores había unha campaña de primavera e outra de outono, con dous prazos de inscrición. Nesta ocasión, haberá un único prazo de inscrición (do 7 ao 29 de xuño) e o programa desenvolverase ao longo de todo o ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario