3 de xuño de 2012

PEDORNES (OIA)

SE LICHINGA COÑECEU TEIS...




Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes

Presentamos este mes no Centro Cultural de Pedornes unha interesantísima exposición fotográfica da autoría de Suso Iglesias, veciño de Teis (concello de Vigo), despois de vivir (e convivir) coas súas xentes durante un ano en Lichinga (Mozambique).

A Exposición
A exposición está conformada por 56 fotografías de 22×15 e 7 fotografías de 45×30 que se presentan montadas en varios formatos (1, 2 ou 4 xuntas), e, a súa vez, organizadas baixo sete temáticas diferentes elixidas polo autor: “Camiños”, “Dia da Muller Mozambicana”, “Traballos”, “Momentos de descanso”, “Paseos”, “Crianças” e “Animais”. Outro aspecto salientable da exposición é que cada temática vai acompañada dun caderno no que se amosa un pequeno esquema das fotos que inclúe, xunto coa súa distribución e unha pequena explicación que facilita a contextualización e interpretación de cada unha delas; por outra banda, indícase a data na que foi realizada (mes e ano), así como unha pequena historia arredor de cada unha das temáticas que se abordan, a modo de resumo das anotacións de Suso nos seus cadernos de viaxe. En definitiva, un pedazo da vida real dos habitantes de Lichinga, vida e costumes, e os seus arredores, engadindo comparacións coas súas lembranzas de Teis. Aínda que se amosan dúas realidades ben distintas, no fondo hai moitas semellanzas xa que os seres humanos somos e sentimos do mesmo xeito con independencia da realidade na que nos toque vivir. Finalmente, compre sinalar que cada un dos cadernos ten un bolígrafo (ambos de papel reciclado), para que cada quen poida deixar comentarios, críticas, impresións,. .., ou sinxelamente reflectir os sentimentos transmitidos tanto polas fotografías como polos textos que as acompañan.
A exposición pode visitarse os días 3, 10, 17 e 24 de Xuño, e 1 de Xullo de 16.00 a 22.30 h no Centro Cultural de Pedornes, xusto a carón do terreiro das festas.

O Autor
Esta impresionante exposición fotográfica foi realizada por Suso Iglesias. Suso pasou un ano (de decembro de 2008 a decembro de 2009) desenvolvendo funcións como técnico nun proxecto de cooperación para o desenvolvemento da acuicultura (proxecto dirixido pola Fundación CETMAR), na provincia de Niassa (Mozambique). Nese ano viviu en Lichinga (capital de Niassa), convivindo coas súas xentes, e “vivindo experiencias que me marcaron e que mudaron moitas cousas en min”, segundo el mesmo conta. Unha vez de volta en Vigo, naceu un pequeno gran soño na súa cachola matinando sobre as intensas experiencias vividas en Lichinga, onde tamén tivo tempo de falar coa xente e lembrar (e contar) moitas cousas relacionadas coa súa nenez no barrio de Teis (Vigo); xa que, dalgunha maneira, Lichinga coñeceu parte da realidade de Teis a través das súas historias, tamén Teis podía coñecer Lichinga. Así comezou o xerme que deu lugar á exposición que se presenta (e de aí o seu título), e que comezou o seu percorrido no seu propio barrio (Centro Cívico de Teis) o pasado mes de maio. Agora temos unha oportunidade inmellorable para coñecer Lichinga no Centro Cultural de Pedornes, grazas a Suso e ás Asociacións de Veciños e Cultural da citada parroquia.
Suso tamén pon a disposición dos visitantes o seu enderezo electrónico por se alguén está interesado nalgunha fotografía ou ben en saber mais sobre a súa experiencia nas terras do norte de Mozambique.

Ningún comentario:

Publicar un comentario