A exposición “Patrimonio Natural” producida polo GAC 7 visita o Centro
Cultural de Pedornes
Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes
As asociacións Cultural e de Veciños da
parroquia de Pedornes (Oia) en colaboración co Grupo de Acción Costeira (GAC)
7: Ría de Vigo-A Guarda, a Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM) organizan
unha exposición sobre o Patrimonio Natural da costa sur pontevedresa no marco do
proxecto TEAM Miño (POCTEP, 2007-2013). A
exposición consta de 10 paneis de grandes dimensións (85 cm ancho x 200 cm de
alto) e foi producida polo GAC 7. Os paneis da exposición están organizados baixo diferentes
temáticas que inclúen “A Riqueza do Patrimonio”, a “Toponimia de Cangas e Cíes”,
“A Talasonimia da Costa Sur”, “O Mar das Gamelas”, ou o “Patrimonio
Industrial”.
Dentro da Talasonimia da Costa Sur, a que se lle dedican 4 paneis, cabe
salientar o traballo de recollida de topónimos feito por Roberto Rodríguez
Álvarez (veciño da parroquia de Pedornes) e Xosé Lois Vilar Pedreira (veciño de
Baiona). En canto ó Patrimonio Industrial, que conta con dous paneis, coméntanse
aspectos relacionados coa Fábrica de Regasende, a Fábrica do Alemán, un
Cargadoiro de Mineral tipo “Cantilever”, un Forno de Cal ou a Granxa das Saíñas.
Por outra banda, a abundante Riqueza Patrimonial da costa sur pontevedresa
desglósase en en tres listados baixo os títulos: Bens Culturais Mobles, Bens
Culturais Inmobles e Bens Culturais Inmateriais. Finalmente, amósanse, a modo
de resumo, información diversa relacionada coas actividades desenvolvidas polo
GAC 7.
A citada exposición poderá visitarse os días 3, 10, 17 e 24 de Xuño, e o 1
de Xullo de 16.00 a 22.30 h. Todos aqueles que queiran coñecer un pouco mais da
nosa costa están convidados a visitar a exposición Patrimonio Natural, xa que:
Para protexer, hai que coñecer.

Ningún comentario:
Publicar un comentario