30 de maio de 2012

A GUARDA

Pais e nais, estudantes e docentes pecháronse no IES A Sangriña da Guarda en protesta contra os recortes no ensino público


Pais e nais, estudantes e docentes iniciaron esta tarde, ás catro, no Instituto de Educación Secundaria da Sangriña na Guarda. O peche foi promovido pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e terá continuidade noutros centros educativos.    




Marta Dacosta, portavoz da CIG-Ensino no Baixo Miño, sinalou que este peche forma parte dun calendario de mobilizacións co que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público esixe da Consellaría de Educación que non aplique en Galiza ningún dos recortes que recolle RD Lei 14/2012 e que o recorra por invadir as competencias que en materia educativa ten a Xunta de Galiza. Ademais lembrou que a Plataforma Galega convoca a toda a comunidade educativa a participar na manifestación que se celebrará este domingo 3 de xuño en Compostela, para reclamar que non se produzan máis recortes en educación

Entre as nais, Ana Bermejo, expresou “a preocupación de que os recortes condicionen o futuro académico dos nenos e nenas, pois van prexudicar fundamentalmente ás persoas con menos recursos que verán condicionado o seu futuro académico aos seus recursos económicos, e que isto limite o desenvolvemento das súas capacidades.”


Andrea Araújo, alumna do IES da Sangriña, denunciou que “estas medidas van supoñer a masificación das aulas e que isto implica que, por exemplo, o profesor ou profesora non teña tempo suficiente para atender a todas esas dúbidas”

O peche rematará ás oito da mañá do xoves 31 e terá continuidade cun novo encerro da comunidade educativa, ese mesmo día ás 16:00 horas no IES Alfredo Brañas de Carballo. Os peches finalizarán o 31 de maio en Ourense.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeita os recortes propostos, denuncia que con eles se ataca gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2000 profesores/as.  Por todo isto, esixe que o Goberno galego actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e que presente recurso por invasión de competencias.

Por todos estes motivos chama tamén á manifestación que terá lugar o día 3 de xuño en Compostela, con saída ás 12:00 da Alameda.



Galería de fotos dos peches da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Ningún comentario:

Publicar un comentario