LOUZÁN APOSTA POR UNIR ESFORZOS PARA QUE A PROVINCIA RECUPERE A DINÁMICA DO EMPREGO
O presidente reuniuse esta mañá cun grupo de 200 persoas que comezarán a traballar en distintos concellos da provincia no marco do Plan de Emprego da Deputación
Infogauda / Pontevedra
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, recibiu
esta mañá a 200 novos traballadores que comezarán a traballar estes días en
distintos concellos da provincia no marco do Plan de Emprego posto en marcha
pola Administración Provincial co que, segundo anunciou Louzán, se pretende que
unhas 1.000 persoas poidan ter un contrato de traballo.
O Plan de Emprego, que inicialmente contempla 600
prazas pero que se pretende ampliar ata situarse en torno ás 1.000, supón a
contratación de desempregados para realizar labores de interese xeral nos
concellos da provincia durante 6 meses.
Cada concello contará con 9 traballadores e, a
partir desta cifra e ata cubrir os 600, serán distribuídos entre os concellos
con menos recursos en función das súas necesidades e primando a aqueles que
opten por unha xestión conxunta dos seus servizos. Tamén se priorizarán as
necesidades dos concellos costeiros para cubrir as necesidades especiais que
estes teñen durante o verán.
Boa parte destes traballadores incluídos neste plan
comezaron xa a súa labor no mes de abril, e outros farano a partir de mañá.
Entre os traballadores que hoxe foron recibidos na
Deputación figuraban os que desenvolverán a súa labor nos concellos de Agolada,
Bueu, Caldas, Cuntis, Dozón, A Estrada, A Guarda, Lalín, Moraña, Oia, Pazos de
Borbén, Rodeiro, O Rosal, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo e Vila de Cruces.
Nun momento no que o desemprego é un dos principais
problemas do país, Louzán incidiu na importancia que teñen este tipo de
iniciativas, dado que contribúen a paliar situacións moitas veces dramáticas,
como a de persoas que teñen a todos os seus membros no paro e que, no marco
deste plan, poderán incorporarse a un posto de traballo.
O presidente da Deputación incidiu en que, desde a
institución que preside, “non escatimaremos esforzos á hora de apostar polas
persoas”, porque elas “son a prioridade” e fixo un chamamento a unir esforzos
para que “a provincia recupere a dinámica do emprego”.
As persoas contratadas no marco deste programa
foron seleccionadas a través das oficinas do servizo público de emprego, e
farán xornadas de 25 horas semanais con contratos dunha duración de seis meses.
A Deputación financiará o 100% do custe salarial da
man de obra que se contrate e que irá destinada a labores de acondicionamento,
limpeza e mellora de zonas ambientais, á conservación e mantemento de
infraestruturas, á reposición, recuperación e adecuación das praias e areais e
a outras funcións que os concellos teñan necesidade de cubrir durante eses
meses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario