9 de mar. de 2012

PONTEVEDRA

Estarán representadas todas as opcións políticas e todas as comarcas

A DEPUTACIÓN CONSTITÚE UNHA COMISIÓN DE ALCALDES PARA A IMPLANTACIÓN “OPERATIVA E URXENTE” DA XESTIÓN CONXUNTA DE SERVIZOS




· Unha consultora iniciará de inmediato unha auditoría concello a concello para analizar a situación actual da recollida do lixo

A Deputación Provincial de Pontevedra constituirá unha comisión informativa integrada por alcaldes de todas as opcións políticas da provincia para “poñer en práctica de forma operativa e urxente o relanzamento definitivo da xestión conxunta da recollida de lixo e de animais abandonados”.

Así o anunciou esta mañá o presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, onde incidiu en que será unha comisión plural na que haberá representación dos concellos por nivel de poboación e de todas as comarcas, ademais das distintas opcións políticas.

Louzán valorou que “todos apostaron claramente pola iniciativa que presentou a Deputación” para impulsar unha xestión unificada e conxunta dos servizos que redundará nun aforro notable de custes, polo que se fai preciso axilizar o máximo posible a súa posta en marcha efectiva.

Neste sentido, indicou que se vai a poñer en marcha un calendario de actuacións no que se incluirá a unificación dos sistemas de cobranza e tamén, na medida do posible, en un prazo prudencial “a equiparación dos prezos, para que cidadáns de municipios practicamente iguais e que están pegados teñan un mesmo recibo polo mesmo servizo”.

Esta equiparación non só se aplicará ao servizo de recollida de lixo, senón que, tal e como afirmou, será de aplicación, en coordinación coa consellería de Medio Ambiente, ás tarifas de abastecemento de auga.

O presidente da Deputación fixo fincapé en que isto redundará en “beneficio de todos os cidadáns” porque nestes momentos existen unhas enormes diferenzas entre as tarifas dos diferentes concellos, porque “os cidadáns teñen que saber que existe un período de pago” e teñen que ver “que as cousas se fan con coherencia e con uniformidade na prestación de servizos, nos dereitos e nos deberes para os cidadáns”.

En canto á recollida de lixo, subliñou que nestes momentos o servizo é deficitario en todos os concellos e que o obxectivo non é unificar as taxas por arriba, senón “buscar unha uniformidade” nun prazo de tempo aceptable e tendo en conta que a xestión conxunta vai significar “unha redución grande do custe” pola prestación do servizo.

O obxectivo é que eses 120 euros por tonelada de lixo recollida que custa agora a prestación do servizo se reduza notablemente.

AUDITORÍA

Louzán anunciou que unha consultora iniciará de inmediato unha auditoría concello a concello para analizar a situación actual dos medios humanos, técnicos e tamén das rutas que se poderían establecer, ademais de avaliar o número de contedores e a súa distribución.

Neste sentido, o presidente da Deputación incidiu en que unha boa parte do aforro pode derivar do incremento da separación en orixe, para o que resulta fundamental esa boa distribución de contedores. “Canto máis separemos máis custes reduciremos”, reiterou.

Finalmente, indicou que se está a traballar en fórmulas posibles para garantir o abastecemento de auga aos concellos pequenos, que nestes momentos están a ter certos problemas que de forma individual lles resulta difícil solucionar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario