11 de feb. de 2012

SOUTOMAIOR



SOUTOMAIOR, DECLARADO XARDÍN DE EXCELENCIA INTERNACIONAL

É o primeiro xardín de España que recibe este recoñecemento e o 7º de Europa



· A deputada Begoña Estévez foi a encargada de recoller a acreditación

· Pontevedra será a sede do próximo Congreso Internacional da Camelia, que se celebrará en 2014

Os xardíns do Castelo de Soutomaior veñen de acadar o recoñecemento como Xardín de Excelencia Internacional no transcurso do Congreso Internacional da Camelia que se celebrou entre o 7 e 0 9 de febreiro na localidade China de Chuxiong.

Con esta distinción, Soutomaior convértese no primeiro xardín de España e no sétimo de Europa en acadar esta distinción, que ata o de agora só posuían 18 xardíns en todo o mundo, situados todos eles en Xapón, Australia, Italia, Suíza, Sudáfrica, China e USA.

A Sociedade Internacional da Camelia (SCI) valorou os esforzos da Deputación de Pontevedra por conservar, manter e difundir este parque botánico no que a camelia ten un peso moi notable.

XARDÍN EXEMPLAR

Os xardíns de Soutomaior cumpren cos 9 requisitos que a SCI esixe para poder ser declarado xardín de excelencia, entre os que se atopan o de estar aberto ao público regularmente; ser de entrada libre ou con taxas fixadas –no caso de Soutomaior a entrada aos xardíns e gratuíta-; ter rexistradas e etiquetadas todas as camelias e a súa localización no xardín; e, sobre todo, posuír un mínimo de 200 cultivares e especies de camelia.

Soutomaior ten na actualidade 330 cultivares diferentes, 25 especies e 29 híbridos, pero, ademais, a Sociedade Internacional valorou tamén que os xardíns posúen unha colección de camelias históricas do século XIX –entre elas o exemplar de camelia xapónica máis voluminoso de Galicia–, e que estas camelias comparten espazo con preto doutras 200 especies botánicas, entre as que se atopan 12 exemplares incluídos no catálogo de Árbores Monumentais de Galicia.

O empeño da Deputación por manter e preservar este xardín así como o feito de desenvolver, a través da estación Fitopatolóxica do Areeiro, programas de investigación sobre esta planta; e as iniciativas para a súa difusión, como a exposición da camelia que ou os cursos que se celebran no Castelo de Soutomaior contaron tamén á hora de concederlle esta distinción.

CONGRESO EN PONTEVEDRA

A presentación da candidatura de Soutomaior a Xardín de Excelencia e o ter acadado este recoñecemento é un paso máis na difusión e promoción internacional de Pontevedra, que se verá culminado coa celebración nesta cidade do vindeiro Congreso Internacional da Camelia en 2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario