18 de feb. de 2012

BAIXO MIÑO

Xosé Manuel Méndez é reelixido por unanimidade Responsábel Comarcal do BNG no Baixo Miño

Xosé Manuel Méndez, Responsábel Comarcal do BNG no Baixo Miño


Infogauda / Baixo Miño


A asemblea comarcal do BNG no Baixo Miño, da que forma parte toda militancia da comarca, respaldou unanimenente a única lista presentada para renovar o órgano de dirección comarcal.

O Consello Comarcal recén nomeado parte dunha candidatura consensuada de integración encabezada por Xosé Manuel Méndez, que repite como Responsábel Comarcal da organización nacionalista e conta con membros das distintas correntes que forman parte do Bloque Nacionalista Galego.

Xunto a Xosé Manuel Méndez formarán parte do novo organismo tanto persoas implicadas na política institucional, caso de Uxío Benítez (Portavoz Municipal en Tomiño e deputado provincial), Sandra González (Alcaldesa de Tomiño), Cristina Martínez, (concelleira en Tomiño), Xan Lois Lomba, (Portavoz Municipal na Guarda), Laureano Alonso (Portavoz Municipal en Tui) Carme Verde, (concelleira en Tui e Responsábel comarcal de Muller) e Hortensia García (concelleira na Guarda) como persoas centradas no traballo orgánico do BNG, caso de Laureano Muíños, Rafael Antonio Martínez, María Martínez, Iván Leis e Araceli Ozores.

O proceso de renovación dos distintos órganos de dirección do BNG concluirá nos vindeiros días coa elección dos Consellos Locais das distintas localidades.

A partires deste momento o novo Consello Comarcal seguirá a traballar co obxectivo de afortalar a presenza do BNG na comarca como referente do nacionalismo galego. Nun momento coma o actual, no que os recortes de dereitos sociais ameazan con agudizar os efectos da crise é imprescindíbel a presenza do Bloque Nacionalista Galego para traballar a prol doutro tipo de políticas que eviten que o pobo galego teña que asumir os custos dunha crise causada pola banca e o modelo económico de neoliberalismo salvaxe. O BNG seguirá a pular no Baixo Miño, ao igual que no resto do país, a favor da economía produtiva, da creación de emprego de calidade, da banca pública, do autogoberno e da reforma fiscal progresiva como alternativa ás políticas de recorte levadas a cabo polo goberno galego e español.

Ningún comentario:

Publicar un comentario