12 de xan. de 2012

A GUARDA

O BNG ALERTA DOS DESPERFECTOS NO MONTE TEGRA POR MOR DE TALA DE ÁRBORES E OBRAS NON AUTORIZADAS

Ante estes feitos, a deputada do BNG, Carme Adán insta ao Goberno galego a cumprir a lei do Patrimonio cultural de Galiza para velar pola conservación do patrimonio arqueolóxico do Monte Tegra


Na imaxe pódense apreciar as pegadas da maquinaria que interviu na tala e retirada da madeira no Monte Santa Trega (Foto: BNG)

Infogauda / A Guarda

A deputada do BNG, Carme Adán defenderá unha Proposición non de lei pola que insta ao Goberno galego a cumprir a lei de Patrimonio Cultural de Galiza e velar polo patrimonio arqueolóxico do Monte Tegra tralo desperfectos ocasionados pola tala de árbores non autorizada.

Adán lembra que no ano 1931 o Tegra foi declarado Monumento Histórico Artístico e con posterioridade Ben de Interese Cultural (BIC) polo que non se permite ningunha actuación que poña en risco este patrimonio.

Sen embrago, engade a nacionalista, o BNG ten constancia da realización dunha tala de árbores que afectou moi negativamente ao patrimonio arqueolóxico como indican as fotografías das ubicacións “A Bouza” e a “Porta do Sur” tiradas por unha representación do BNG durante a visita realizada pola parlamentaria á zona afectada.

A deputada salienta que á importancia do patrimonio arqueolóxico do Monte Tegra, súmase o aspecto turístico que debe ser tamén conservados por representar un dos recursos básicos para a economía galega.

Adán reclama que o Goberno galego “cumpra a lei” para que non se repitan feitos como os acontecidos no Monte Tegra e se impidan as técnicas agresivas nos materiais arqueolóxicos.

A deputada agarda que a Consellería de Cultura extreme as medidas contra accións que destrúen o patrimonio galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario