7 de set. de 2011

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN CONCEDE 15.000 EUROS Á FEDERACIÓN DE PIRAGÜISMO; MELLORARÁ AS INSTALACIÓNS DOS CLUBS E SINALIZARÁ O CENTRO DEPORTIVO DO PONTILLÓN DO CASTRO




Louzán reúne a representantes dos 34 clubs de piragüismo da provincia para escoitar de primeira man as súas necesidades e demandas, así como para consensuar futuras liñas de colaboración






Infogauda / Pontevedra




O presidente da Deputación, Rafael Louzán, mantivo hoxe unha reunión cos representantes dos 34 clubs de piragüismo da provincia, así como co presidente da Federación Galega, Alfredo Bea e demais integrantes desta entidade.
Nesta xuntanza, o titular da Deputación quixo ter un contacto directo con todos os clubs e analizar de forma conxunta a situación na que se atopan, coñecer de primeira man as súas necesidades e demandas (medios de transporte, instalacións…), e abordar conxuntamente as posibles liñas de colaboración que se poden establecer de cara o futuro para a mellora dos centros, equipamentos e outras necesidades dos clubs.
Inxección de 15.000 € á Federación de Piragüismo
Consciente da situación económica moi delegada da Federación Galega de Piragüismo que precisa unha urxente inxección de cartos para garantir o seu futuro, o máximo responsable da Deputación, Rafael Louzán, entregoulle hoxe unha colaboración económica de 15.000 euros. O presidente confía na «viabilidade desta entidade deportiva» porque a pesares de que está nunha situación «agónica» hai que ter en conta que o piragüismo é un deporte que ten unha gran implantación na nosa provincia, un importantísimo número de practicantes e un bagaxe histórico en canto a resultados deportivos de primeiro nivel.

Respaldo ós xogadores olímpicos
Por outra banda, Rafael Louzán, anunciou que de forma inmediata a Deputación vai a proceder a mellorar as instalacións deportivas de diversos clubs da provincia. Tamén avanzou que a entidade provincial xa está a traballar e vai a resolver de forma inminente as axudas que se lle van a conceder ós deportistas que participen nos vindeiros Xogos Olímpicos, moitos deles practicantes deste deporte.
Sinalización do centro deportivo do Pontillón
Finalmente, o responsable da Deputación anunciou que a Deputación vai a proceder a sinalizar o centro deportivo do Pontillón do Castro, o embalse, as instalacións e as pistas. Estes indicadores serán instalados en lugares estratéxicos para que estas infraestruturas sexan perfectamente visibles.
Para Rafael Louzán, «o piragüismo é un deporte clave que conta na provincia co maior número de fichas federativas así como de clubs». Por iso, afirma «temos que seguir apoiándoo». Neste senso, o presidente recordou que a institución destina na actualidade máis de 400.000 euros para axudas ó deporte náutico federado da provincia (remo, vela e os 34 clubs de piragüismo), así como outras cantidades para eventos, axudas directas a clubs e colaboracións cos deportistas olímpicos pontevedreses.
Na reunión celebrada hoxe asistiron, o Club Augas Bravas de Salvaterra, o Club Alagua da Guarda, o Arrepións de Tui, o Breogán do Grove, a Confraría de Pescadores de Portonovo, o Mar da Ría de Aldán-Hermanos Gandón, o Piragüismo Baiona, o Piragüismo Cambados, o Miño Teixugos de Goián, o Piragüismo Poio-Conservas Pescamar, o Kayak Vigo, o Kayak Polo Combarro, o Kayak Tudense, o Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, o Tambo de Marín, o Náutico de Cobres de Vilaboa, o Muíño de Ribadumia, o Náutico Pontecesures, o Ría de Pontevedra, o Umia de Caldas de Reis, o Naval de Pontevedra, o Kayak de Mar de Cangas, o Piragüismo Aldán, o Torres Romería Vikinga de Catoira, o Illa de Arousa, o Penedo de Caldelas de Tui, o Verdugo de Pontesampaio, o Val Miñor-Frioya de Nigrán, o Verducido Pontillón, o Vilaboa, o Mondariz Balneario, o Cidade de Pontevedra, O Grove e o Rodeira de Cangas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario