7 de set. de 2011

PALESTINA

“MARCHEN AGORA MESMO OU Á MIÑA CHEGADA NON RESPONDO DO QUE POIDA OCORRER”
O Festiclown Palestina sofre as consecuencias da ocupación israelí


Na mañá deste martes, dúas compañías participantes do Festiclown Palestina, Circ Bover e Irmãos Esferovites dirixíanse a actuar ao colexio que se atopa situado no barrio de Seith Saad. Cando as compañías e dous membros da organización do Festiclown chegaron ao posto de control policial para ingresar no barrio, o policía responsable do checkpoint esixiulles un visado especial para ingresar. Asimesmo chamou ao comandante da policía- entendemos esa chamada polo perigoso motivo de ir armados con narices vermellos-.Estes artistas tiñan unha misión, a de levar alegría e esperanza a decenas de nenos e nenas palestinas que viven nunha zona marxinal da periferia de Xerusalén. En concreto estes nenos viven rodeados por un arame de espino, soldados militares controlando os seus fogares e como non un checkpoint policial que lles impide moverse libremente no seu propio territorio. Logo da mencionada chamada o grupo de artistas estivo esperando, no medio da nada e cunha calor abrasador, ao redor de trinta minutos ao comunicado do Comandante. A súa declaración foi as seguinte: “marchen agora mesmo ou á miña chegada non respondo do que poida ocorrer”. O exército de narices vermellos recibe a noticia cunha inmensa tristeza, desilusión e impotencia. Por iso, deciden porse a súa vestimenta de pallaso e facerse unha foto para denunciar os feitos. Unha vez fan a foto, retíranse tristes e de xeito pacífico. Pola presente denunciamos enerxicamente este feito inxusto e de abuso de poder que viola o dereito de decenas de nenos e nenas á alegría, á esperanza e á cultura. A Policía israelí, unha vez máis, demostrou que forma parte da ocupación militar e que é tan débil como o é o Estado ao que representa. Como manifestou publicamente, Iván Prado, director do Festiclown “cando un Estado nuclearmente armado teme aos pallasos é que é un Estado débil”.A organización do Festiclown quere deixar patente que en ningún momento este tipo de actos van impedir o desenvolvemento da nosa misión, que ata agora xa leva ducias de actos emocionantes, cheos de risas, alegría, bágoas de emoción, apertóns de mans, abrazos e ata algún deles cunha participación extraordinaria (6000 persoas nas Galas de Nablus). Finalmente queremos indicar que este acto de censura policial só reforza a nosa vontade e o noso soño de axudar a construír unha Palestina Libre a través do circo e da risa que son as verdadeiras “armas de diversión masiva”.


Pallasos en Rebeldía

Ningún comentario:

Publicar un comentario