26 de set. de 2011

A GUARDA

LEMBRANZA DO AMIGO XOSÉ LUÍS MÉNDEZ RODRÍGUEZ "LIS"


Cando aínda non demos asumido a perda física do amigo Xosé Luís Méndez Rodríguez, coñecido no ámeto artístico polo apelativo garimoso "Lis", non podemos resistir o desexo interior de adicarlle unhas liñas a súa lembranza. A Lis coñecíamolo desde fai un ferrado de anos. Probablemente desde fai uns 30 anos ou se cadra algúns máis. Agora tanto ten. O importante non son cantos anos fai que o tratábamos. O realmente importante é a serenidade da súa presenza entre nós. Lis era un artista en toda á extensión desa verba. Máis sobor de todo era un ser humano moi especial. De verba pausada, adoitaba escoitar, máis que falar. Coidamos que esa era unha característica da súa persoalidade.



A Lis lembrámolo naquela prometedora I Mostra de Arte Popular no Baixo Miño, que tivo lugar na Casa da Cultura, de A Guarda, aló polo ano 1975, e posteriormente en diferentes exposicións colectivas tanto en Tui - sobor de todo na Galería Trisquel e Medulio - como na vila do Trega, onde participou na Mostra Espintalla, que tivo lugar no Centro Cultural de A Guarda, e no que compartiu espazo expositivo co escultor Alberto Romero "Romer" e o tallista Quico.



Lis era un asiduo visitante de A Guarda. Até esta fermosa vila atlántica achegábase sempre que podía. No entorno do barrio de Santa Trega, preto das praias de Fedorento e Area Grande, tiña Lis súa residencia vacacional, pertencente á familia da súa esposa.



A derradeira vez que pudemos conversar con Lis foi un sábado pola mañá, do pasado mes de agosto. Foi na Rúa Coruña, a poucos metros da intersección coa Rúa Rosalía de Castro. Estivemos con Lis, que xunto con seu fillo viña de botar unha ollada o mercadiño. Lis díxonos que estaban pasando uns días na Guarda. Que acababa de vir de Tui, a onde había ido a primeira hora da mañá, e tan axiña como puido xa voltou para A Guarda. Súa dona estaba na praia Area Grande. Como ven, unha conversa do máis normal. Nada facía presaxiar que en vísperas de Santa Trega, o amigo Lis nos deixase para sempre, precisamente cando tiña na súa axenda unha exposición conxunta co seu amigo o escultor Raimundo Martínez "Rai", con que xa compartira en xuño de 2010, a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, onde presentou a mostra pictórica "A cor da música".



"Lis" tiña un estilo artístico moi coorista e definido. Súas maternidades e músicos, teñen á impronta de un artista entusiasta, de ampla traxectoria, que non deixaba indiferente a ninguén.



Sempre lembraremos o amigo Lis, un destacado artista tudense vencellado á vila de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario