26 de set. de 2011

A GUARDA

O BNG presenta unha moción para que se limiten os cobros abusivos nas comisións bancarias



A aplicación destas cláusulas abusivas e inxustas por parte das entidades financeiras non pode ser consentida de maneira indefinida


Infogauda / A Guarda




O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar no rexistro do concello da Guarda, unha proposta na que solicita que o Goberno do estado adopte medidas para impedir que se produzan aumentos das comisións que aplican as entidades bancarias.
Na proposta do BNG solicítase que se realice unha supervisión das comisións das entidades financeiras estabelecendo límites máximos que teñan en conta o custo real do servizo prestado.
O BNG tamén solicita que se obrigue as entidades bancarias a ofrecer de forma transparente o importe das comisións polos distintos servizos.
Para o BNG é necesario que se aproben de forma inmediata as normas legais precisas para evitar que por parte das entidades financeiras se manteña o cobro abusivo en concepto de mantemento ou administración de contas correntes ou de aforro, e obrigar á devolución das cantidades ingresadas en caso de persistir nesta práctica.
O BNG lembra que as comisións que as cobran as entidades financeiras experimentaron unha subida significativa en plena crise económica, ao mesmo tempo que seguen acumulando cuantiosos beneficios, 3.174 millóns de euros no primeiro trimestre deste ano.
“A aplicación destas cláusulas abusivas e inxustas por parte das entidades financeiras non pode ser consentida de maneira indefinida. Non é xusto que mentres estas entidades acumulan cuantiosos beneficios restrinxan o crédito a maioría de persoas, pequenas e medianas empresas e sigan cobrando comisións abusivas diante dunha crise económica sen precedentes”, subliña o portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario