23 de xul. de 2011

O ROSAL

O BNG mantén que algúns adegueiros, produtores e hosteleiros non participan na Feira do Viño polos custes que lles supón

· Lamentan que se utilicen impostos dos veciños e veciñas do Rosal en financiar a participación de hosteleiros doutros concellos
· BNG tamén traballa para que ano tras ano a Feira do Viño mellore, afirma Alberte Alonso Pereira

Alberte Alonso Pereira
Responsábel Local e voceiro do BNG no Rosal


Infogauda / O Rosal


O BNG do Rosal mantén que algúns adegueiros, produtores e hosteleiros do concello, non participan na Feira do Viño polos custes que lles supón.

Nese sentido recoméndanlle ao goberno municipal e ao alcalde que se informen directamente e falen máis cos interesados para facerse unha idea obxectiva dos motivos da non participación. Segundo indica o voceiro municipal do BNG, Alberte Alonso Pereira, as manifestacións do seu grupo son froito de conversas directas cos implicados e non 'consideracións súas', como fai o alcalde na súa resposta.

"Tres adegas -excluída a que xa non pertence á subzona do Rosal-, productores e hosteleiros que participaron en anos anteriores, non estiveron este ano na Feira do Viño. Ese é un dato obxectivo", afirman os nacionalistas.

Actividades paralelas
Respecto das actividades paralelas organizadas agora mesmo, o BNG manifestou o seu acordo coas mesmas, pero bota en falla encontros de tipo comercial, sobre todo enfocados ás adegas máis pequenas e modestas, que son as que teñen máis problemas de comercialización, por careceren dos medios das grandes adegas. Unha proba disto, indican os nacionalistas, é o feito de que a delegación brasileira convidada pola Cámara de Comercio de Tui que visitou a Feira este ano, "só mercou viño dunha grande adega, e por riba, unha parte importante da operación comercial foi en viño producido no Bierzo, non no Rosal".

Falla de igualdade de oportunidades para os hosteleiros do Rosal
Os nacionalistas consideran que está ben que haxa igualdade de oportunidades para todos, pero indican que non é certo que exista neste caso, como afirma o alcalde.

Nese sentido aseguran que se tal e como manifesta o alcalde, dende o Concello do Rosal se gastan fondos públicos na limpeza, iluminación, seguridade, publicidade, montaxe... etc, e ningún repercute nos stands ou nas carpas participantes, non hai tal igualdade para todos. "Eses gastos son pagados cos impostos dos veciños e veciñas e tamén cos dos hosteleiros do Rosal, mentres algúns dos beneficiados son doutros concellos limítrofes que non pagan os seus impostos neste concello", aclara o voceiro nacionalista.

Crítica construtiva
Alberte Alonso Pereira coincide co alcalde en que todo é mellorable e, nese sentido, lamenta que o grupo de goberno non saiba asumir a crítica construtiva que lle fixeron. Afirma que o BNG tamén traballa para que ano tras ano, a Feira do Viño mellore. É por iso que lle suxiren aos organizadores darlle un impulso e un cambio de rumbo á Feira, para que volva ser atractiva para os adegueiros, os produtores e os hosteleiros do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario