11 de xuño de 2011

GONDOMAR

Fernando Guitián e Natalia Salgueiro consideran o pacto acadado hoxe como unha “garantía” para o desenvolvemento futuro do municipio

PP e CDL pechan un acordo para garantir un goberno estable en Gondomar

· Os dous concelleiros de CDL darán o seu apoio a Fernando Guitián convencidos de que “a mellor opción” para o concello é que goberne a lista máis votada

· Con este acordo, Fernando Guitián será investido mañá alcalde co apoio dos concelleiros do PP, que suman un total de 7, e os dous de CDL, encabezados por Natalia Salgueiro

Gondomar, 10 de xuño de 2011. – O PP e o CDL asinaron hoxe un acordo que permitirá “dar un goberno sólido, estable e forte ao concello de Gondomar”. Así o manifestaron os cabeza de lista de ambas formacións que consideran que o pacto acadado é “o mellor” para o futuro do concello.
Con este acordo, Fernando Guitián será investido mañá alcalde co apoio dos concelleiros do PP, que suman un total de 7, e os dous de CDL, encabezados por Natalia Salgueiro.
Desta forma, os tres concellos do Val Miñor contarán a partir de mañá cun alcalde popular, o que, segundo sinalou Fernando Guitián, “permitirá impulsar o desenvolvemento conxunto de toda a área”.
Pola súa banda, a número un do Centro Democrático Liberal, Natalia Salgueiro, destacou que a decisión de pactar co PP se adoptou coa vista posta na necesidade de “garantir unha maioría estable ao concello de Gondomar”, e co obxectivo de que este municipio teña a “estabilidade que se merece”. Neste sentido, engadiu que “hai que ter en conta que o PP foi a lista máis votada” e “por coherencia cremos necesario apoiar ao partido polo que apostaron maioritariamente os cidadáns”.
Salgueiro fixo fincapé en que se trata dun acordo que “pon por riba de todo os intereses xerais de Gondomar”. “Esta é, sen dúbida, dixo Natalia Salgueiro, a mellor opción”.
CONTACTO CON TODOS
Este acordo chega despois dunha intensa axenda de reunións e contactos do PP local con todas e cada unha das forzas políticas que lograron representación en Gondomar.
Fernando Guitián subliña que “o PP, como forza máis votada, non quixo excluír a ninguén”, polo que mantivo encontros con todos co obxectivo final “de acadar o mellor acordo para este concello”.
Finalmente e como froito deste diálogo permanente, conclúe Fernando Guitián, “é o gran acordo que hoxe asinamos e que será unha garantía para o futuro de Gondomar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario