ARBO ACOLLERÁ ENTRE OS DÍAS 22 E 24 DE ABRIL A 51 EDICIÓN DA FESTA GASTRONÓMICA DA LAMPREA
A Deputación e o Concello editan o libro “Arbo, Vila da Lamprea” que repasa as etapas do evento gastronómico no seu medio século de historia

O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu a presentación da 51 edición da Festa da Lamprea de Arbo que se celebrará neste municipio os días 22, 23, e 24 de abril. O evento gastronómico foi presentado pola vicepresidenta da Deputación, Teresa Pedrosa, polo alcalde de Arbo, Manuel Rivera, e polo autor do libro “Arbo, vila da Lamprea”, Manuel Xesús Xiráldez. A da Lamprea de Arbo foi declarada como Festa de interese Turístico de Galicia no ano 2005. Este evento céntrase na exaltación deste peixe de río que se acompaña de viño de boa calidade, do Condado e Albariño. A degustación poderase realizar tanto nas casetas habilitadas ó efecto, como nos restaurantes da vila. Segundo explican os lugareños a Lamprea comezouse a guisar nun antigo hospedaxe próximo á estación de tren, cuxo propietario leu a tradución portuguesa dun texto francés no que se describían as distintas formas de preparar este produto. Todas estas anécdotas están reflectidas no libro editado con motivo do cincuentenario da festa e que foi presentado hoxe no Palacete das Mendoza. Esta publicación fai un repaso pola evolución e etapas do evento gastronómico dende o seu inicio en 1961 ata a actualidade. Segundo explicou o autor neste libro “quedará constancia de todo o acontecido ó longo destes anos”, ademais de constituír “ un recoñecemento ó mundo lampreeiro e de contribuír á difusión turística de Galicia”. Manuel Xiráldez fixo unha referencia específica ó capítulo titulado “Mil primaveras máis” no que se fai un chamamento ás novas xeracións “para que sigan con esta tradición e a melloren no futuro”. A vicepresidenta, Teresa Pedrosa, cualificou a festa como unha das máis emblemáticas de Galicia. Para Pedrosa, a lamprea “é un prato exquisito” que lle trae moitos “recordos entrañables da infancia” xa que por estas datas na súa casa “sempre comíamos empanada de lamprea”. Finalmente, o alcalde de Arbo invitou a todos os cidadáns a que visiten a vila estes días de exaltación gastronómica e fixo un chamamento específico sobre a preservación do río Miño. Rivera fixo un chamamento público para que “entre todos coidemos e vixiemos de preto este medio para non ter máis saltos hidoeléctricos, presas e todo tipo de intervencións que poidan incidir no estado natural do río e na produción de lamprea e doutras especies autóctonas”. Finalmente, Manuel Rivera recordou que a degustación gastronómica de lamprea será complementada coa celebración de “Arbomostra” na que se ensalzan outros produtos de calidade da bisbarra como son os viños; e tamén cunhas xornadas técnicas sobre innovación na elaboración de viños, sobre as pragas que afectan ós viñedos e con catas de viño e lamprea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario