29 de abr. de 2011

O ROSAL

O BNG lamenta que o alcalde “cale e trague” ante a diminución de servizos no Centro de Saúde do Rosal


Alberte Alonso Pereira: “non é de recibo que en pleno século XXI se reduzan servizos en vez de aumentalos”.



Alberte Alonso Pereira
Responsábel Local do BNG e candidato á alcaldía



O candidato do BNG no Rosal, Alberte Alonso, ve na actitude do alcalde fronte á supresión do servizo de matrona, submisión aos ditados do PP de Santiago e lamenta que “cale e trague” ante a diminución de servizos no Centro de Saúde en vez de defender os intereses dos veciños e veciñas do Rosal. “Non é de recibo que en pleno século XXI se reduzan servizos en vez de aumentalos”, afirma.

O alcaldable nacionalista fai estas afirmacións despois de ver como o pasado xoves, na comisión de Sanidade do Parlamento, o PP votaba en contra dunha Proposición non de lei do BNG, na que se solicitaba que se cubrira a praza de matrona e se ampliara o servizo de pediatría a todos os días da semana. Lembra Alberte Alonso, que as mesmas reivindicacións foron propostas polo BNG no pleno do concello celebrado en novembro do pasado ano e “resultaron apoiadas por todos os grupos”.

Resposta á deputada popular

Por outra banda, e despois da información verquida polo PP en medios dixitais sobre este tema, afirmando que a poboación do Rosal ten garantidos os servizos de pediatría e matrona, Alonso Pereira, convida a deputada popular Rosa Oubiña a que faga diante da veciñanza do Rosal as mesmas manifestacións.

Indica así mesmo, que a propia deputada popular recoñece que durante dous días á semana os nenos e as nenas do Rosal non son atendidos por persoal especializado en pediatría senón por médicos de familia.

Do mesmo xeito, indica o candidato nacionalista que as reivindicacións do BNG son as reivindicacións dos veciños e veciñas que manifestaron cunha recollida de sinaturas, reivindicacións das que o BNG se fixo eco e que o pleno aprobou por unanimidade. Polo tanto o único que “fai ruído” é o PP co obxectivo de desviar a atención e engadiu que “nunca unha forza política demostrou máis incompetencia en menos tempo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario