28 de abr. de 2011

GALICIA

O PP IMPIDE QUE A ATENCIÓN PEDIATRÍCA NO CENTRO DE SAÚDE DE O ROSAL SEXA DIARIA


A deputada do BNG, Carme Adán tamén reclamou cubrir a praza de matrona do Centro, ao fin de garantir o dereito das mulleres a seren atendidas durante a xestación

Carme Adán, deputada do BNG no Parlamento de Galicia


Infogauda / Santiago de Compostela




O Partido Popular votou en contra dunha Proposición non de Lei defendida pola deputada do BNG, Carme Adán na Comisión 5ª de Sanidade, celebrada este xoves no Parlamento galego.
Adán defendeu, na súa intervención, que o servizo de Pediatría do Centro do Rosal permanecera aberto diariamente xa que na actualidade -dixo-, só funciona tres días a semana o que está a dificultar a atención axeitada ás necesidades do concello.
Por outra banda, a parlamentaria do BNG tamén reclamou cubrir a praza de matrona tralo pasamento da persoa titular e considerou que non garantir a prestación destes servizos colide frontalmente coa “propaganda” do Partido Popular a respecto da chamada “protección da familia”.
O voto contrario do PP afectará ás mulleres xestantes
Para Adán é “un despropósito” impedir un servizo que afectará moi negativamente á atención sanitaria das mulleres xestantes.
Adán tamén salientou os problemas da poboación que habita no rural ao ter que desprazarse ao servizo pediátrico no concello do Rosal e reclamou que, coa mesma intensidade que o Partido popular defende a Lei de Familia facilite os recursos para que estas persoas accedan aos servizos sanitarios que precisan.
Dobre moral do PP: protección da familia con retirada de servizos
A deputada do BNG asegurou que a propia Organización Mundial da Saúde recoñece o dereito das mulleres a seren atendidas durante a súa xestación, e denunciou a contradición do Partido popular por votar en contra da iniciativa nacionalista cando o PP do Rosal afirmou o día 29 de outubro do ano 2010 que o servizo de pediatría e a matrona eran servizos “moi importantes” para o Centro de Saúde do Rosal .
Carme Adán cuestionou que a mellora da Atención primaria anunciada pola Consellaría de Sanidade sexa real cando - dixo-, “suprimen unha praza de matrona” que, -ao seu xuízo-, representa unha clara dobre moral do Partido popular que por unha banda di “protexer á familia e por outra, reduce sistematicamente os recursos no concello do Rosal para prevención, atención sanitaria, traballos de posparto e lactancia e outras actividades dirixidas á mulleres que, na súa maioría, carecen de automóbil ou outros medios para desprazarse.
Finalmente, a deputada do BNG lamentou que o Partido popular vote de maneira diferente segundo o lugar , en contra no Parlamento galego e a favor no concello do Rosal e considerou que está obrigado a dar unha explicación aos cidadáns deste comportamento político.

Ningún comentario:

Publicar un comentario