PIDEN QUE OS PROGRAMAS ELECTORAIS RECOLLAN A COOPERACIÓN SOLIDARIA
Nun momento en que os partidos políticos que concorrerán aos comicios locais do mes de maio se encontran preparando e comezando a publicar os programas electorais, desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade queremos facer dúas chamadas a todos eles. Estamos a atravesar momentos difíciles no plano económico, e desta vez tamén nos afectan a nós. Con todo, non podemos comparar a nosa situación coa dos países empobrecidos, que viven nunha situación de crise crónica, agora aínda agravada. Non fagamos que as persoas máis vulnerables, no Norte e no Sur, que son as menos culpables da crise, sexan quen a paguen. É en momentos como este, de dificultade, que se mostra a nosa verdadeira cualidade, como persoas, como localidades, como pobo.
Non caben pasos atrás; antes ao contrario. Existe un compromiso internacionalmente establecido e asumido de dedicar o 0,7% do PIB dos países ricos en concepto de Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Este compromiso ha de traducirse en Galicia, segundo a Lei Galega de Cooperación, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, na dedicación do 0,7% dos recursos propios das diversas institucións. É unha cantidade pouco menos que simbólica e, no entanto, segundo o Informe Zero da Cooperación Municipalista, os municipios galegos dedican, de media, menos do 0,05% dos seus orzamentos. Catorce veces por debaixo do mínimo comprometido!Por outro lado, aínda que Galicia representa entre un 6 e un 7% da poboación do Estado, o diñeiro destinado á cooperación internacional polas entidades locais galegas representa o 1% do total destinado polas entidades locais do Estado. O esforzo solidario internacional das entidades locais galegas sitúase, así, entre seis e sete veces por debaixo da media por habitante das entidades locais do Estado. É Galicia un pobo entre seis e sete veces menos solidario que o resto de autonomías? Non, Galicia é un pobo que sabe o que son as penurias económicas e que nun pasado aínda próximo tamén precisou e recibiu axuda doutros. As institucións que o representan deben estar á altura das circunstancias.
Chamamos a todos os partidos políticos que concorran ás próximas eleccións municipais a que, nos seus programas electorais, recollan o compromiso coa cooperación internacional para o desenvolvemento, recoñecendo así que as entidades locais galegas poden e deben desenvolver un papel relevante. Tamén a que recollan o compromiso de chegar á dotación dun 0,7% dos seus orzamentos para cooperación internacional.Por outro lado, nos anos 80 apareceron os Fondos de Cooperación de entidades locais, como instrumentos para xuntar os esforzos de grandes e pequenas entidades, deixando a un lado localismos e diferenzas partidarias co fin de procurar unha axuda verdadeiramente eficaz. Galicia dotouse do seu propio Fondo, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en 1997. Hoxe en día, frecuentes no ámbito peninsular, continúan a ser unha ferramenta de vangarda no plano internacional da que o noso país pode presumir. O Fondo Galego é recoñecido pola FEGAMP e a Xunta de Galicia como a axencia de cooperación municipalista galega, e forma parte da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade a nivel estatal.Chamamos tamén a que os programas electorais recoñezan o Fondo Galego como a axencia da cooperación municipalista galega, como a vía preferente para a canalización dos recursos destinados desde as entidades locais galegas á cooperación cos países do Sur, superando diferenzas territoriais ou partidarias en favor dun compromiso franco cunha cooperación internacional eficaz e eficiente.
A inxustiza, sempre mala, é horrible exercida contra un desgrazado.
Concepción Arenal (1820-1893)
Fonte. Fondo Galego de Solidaridade
Ningún comentario:
Publicar un comentario