BALTAR DEFENDE A IMPORTANCIA DO TERMALISMO PARA OURENSE
O presidente da Deputación, José Luis Baltar, defendeu a importancia do termalismo como recurso endóxeno para desenvolver no futuro na provincia de Ourense, dentro do acto de inauguración do Congreso Internacional de Turismo Termal.
Transcríbese a intervención do presidente:Historicamente, o termalismo sempre foi un recurso de especial importancia para Ourense, un recurso endóxeno que soupemos aproveitar e que incluso servíu de elemento motor para a creación de Ourense como cidade, a carón das termas das Burgas e do pai Miño.
O uso termal foi evolucionando co tempo e pasou de ser un elemento importante para a axuda na supervivencia a ser elemento clave na actual cultura do benestar e do ocio. Termalismo é saúde, termalismo é serenidade, termalismo é economía, termalismo é calidade.
Por eso, a organización deste Congreso Internacional de Turismo Termal debemos considerala coma un acerto, coma unha iniciativa atinada que non podía ter mellor marco para ser acollida ca facelo en Ourense, a cidade termal por excelencia e que dende principios da pasada década leva apostando polo termalismo como ese valor endóxeno de futuro que pode axudar a transformar esta cidade.
Ourense acolle tamén un certo pulo empresarial vencellado ao mundo termal, con Caldaria como empresa singular, que tamén apostou por este congreso sendo o principal patrocinador privado do mesmo. Creo que esto é bo decilo e recoñecerllo públicamente.
Debemos pois, aproveitar a oportunidade de ter entre nós a grandes expertos e especialistas do termalismo do mundo, con representación de máis dunha ducia de paises de diferentes continentes.
Un congreso é sempre unha oportunidade, un motivo para aprender, para absorver coñecemento e tamén para ver canto bo se está facendo polo mundo e do que tamén nós nos podemos aproveitar. Un congreso é unha oportunidade de rendabilidade futura.
Debemos, pois, felicitarnos por esta iniciativa, felicitar á Xunta de Galicia pola súa organización, encabezada pola Secretaria Xeral de Turismo, e agradecerlle ao Presidente da Xunta a súa aposta persoal, personificada na súa presencia neste acto oficial de inauguración. Gracias presidente por ese compromiso persoal e institucional.
A Deputación non podía ser allea a esta iniciativa. Nós sentímonos orgullosos de poder colaborar, de apoiar económicamente esta iniciativa, aportando tamén infraestructura e acollendo dende esta mañá unha exposición no Centro Cultural titulada O LECER DAS AUGAS e que recolle a historia dos principais balnearios de Galicia dende o ano 1700 ate a guerra civil española. Esta mostra complétase cun excelente libro publicado pola editorial Galaxia, de máis de 500 páxinas, que será presentado este venres.
Non quero alongarme máis. Unicamente, agradecerlle a tódolos inscritos e presentes neste congreso a súa presencia, o seu compromiso co termalismo coa seguridade de que en Ourense sentiranse cómodos. Sexan benvidos, aproveiten para coñecer esta fermosa provincia porque coñecela é querela para sempre.
Moitas gracias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario