O ACADÉMICO E PROFESOR XESÚS ALONSO MONTERO FALOU NO IES A SANGRIÑA SOBRE "A CULTURA GALEGA NON EXILIO" O acto cultural foi organizado por dous alumnos do centro educativo e a colaboración de devandito centro e das Asociación InfoMAXE e Muller: Camiña con nos
Fotografías cedidas por InfoMAXE
Infogauda / A Guarda
Organizada por Gustavo Cunha e Pablo Lomba, estudantes de 2º de Bacharelato, coa colaboración do IES A Sangriña, das Asociacións InfoMAXE e Muller: Camiña con nos, e do cantautor Fran Estévez; o catedrático e profesor Xesús Alonso Montero pronunciou unha conferencia no salón de actos do Instituto da Sangriña, sobre "A Cultura Galega no exilio"
O evento cultural, ao que asistiron profesores e alumnos do referido centro educativo, así como público en xeral, comezou cun proxección de diapositivas en branco e negro, así como a correspondente presentación - a cargo de Gustavo Cunha - do profesor Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), catedrático de Literatura galega, membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, ensaísta, filólogo, poeta, sociolingüista, tradutor e conferenciante. Como é costume en Alonso Montero, a conferencia estivo moi animada, amena e interesante.
O profesor Alonso Montero recordou a súa traxectoria vital, desde a súa infancia, antes da guerra civil, ata hoxe en día. Deu unhas pinceladas para facer pensar aos alumnos sobre o galego e as novas imposicións da lingua galega que algúns fan, e tamén recordou os dous xeitos de ensino, para señoritos e para republicanos. Tamén evocou aos grandes escritores galegos así como aos traballadores exiliados que pasaron máis penurias que os intelectuais.
Deixou no aire a memoria da modista María Miramontes e tamén a do seu esposo Ánxel Casal Gosenge, editor e político galego, que desde a súa creación, foi militante do Partido Galeguista, e alcalde de Santiago de Compostela, desde febreiro de 1936 ata o seu asasinato polos sublevados, en agosto dese mesmo ano.
O acto rematou coa lectura dun poema, a actuación do cantautor guardés Fran Estévez Estévez e o agasallo por parte de Xesús Alonso Montero, dun libro da súa autoría, aos organizadores do acto, asegurando que este día estará marcado nalgún lugar, xa que foi a primeira vez que uns alumnos organizan un acto como este.
Ningún comentario:
Publicar un comentario