7 de feb. de 2011

OURENSE

A DEPUTACIÓN CONVOCA BOLSAS DE PRÁCTICAS EN EUROPA PARA TITULADOS UNIVERSITARIOS


A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases reguladoras da primeira convocatoria de Bolsas internacionais 2011 para titulados universitarios, no marco do programa europeo Leonardo da Vinci. Nesta primeira convocatoria serán 37 as bolsas individuais que se concederán para estancias e prácticas laborais en empresas europeas, cuxo obxectivo é apoiar aos participantes nas actividades de formación para a adquisición de coñecementos, competencias e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e profesional.
A finalidade tamén é facilitar a mobilidade dos traballadores en Europa, promovendo e desenvolvendo prácticas innovadoras e a súa transferencia entre os países participantes, fomentando así a perfeccionamento de linguas estranxeiras.Poderán ser beneficiarios deste programa de bolsas internacionais os titulados universitarios. As prácticas poderanse realizar en empresas situadas preferentemente en Alemaña, Austria, Francia, Italia, Reino Unido, República Checa e Portugal. Será competencia da Deputación de Ourense a adxudicación de destinos para as persoas seleccionadas como bolseiras, tendo en conta o ámbito de actividade das empresas contactadas en cada país, a adecuación dos candidatos ao programa e o nivel amosado de coñecemento de idiomas estranxeiros.

Os beneficiarios deberán posuír titulación universitaria ou estar en condición de obter a titulación na data que remate o prazo de presentación de solicitudes. Tamén deberán posuír coñecemento dalgunha das seguintes linguas cun nivel suficiente para desenvolver unha práctica laboral axeitada ao seu grao de formación académica: italiano, francés, portugués, alemán e/ou inglés.

Asimesmo, requírese ter coñecementos de informática a nivel de usuario e non ter sido beneficiario anteriormente dunha bolsa do programa Leonardo da Vinci convocada pola Deputación de Ourense.O financiamento das bolsas provén das achegas da Unión Europea, do Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos e da Deputación provincial de Ourense, ascendendo a un importe de 200.000 euros.

O formulario de solicitude de bolsas internacionais poderase obter e cubrir na aplicación informática: http://becasinternacionais.depourense.es. Previamente á validación, deberanse anexar, en formato electrónico, os seguintes documentos: formulario de solicitude; certificado de empadroamento; xustificante acreditativo de ter obtido o título académico no Campus de Ourense (Universidade de Vigo) ou no centro asociado da UNED en Ourense, e, de selo caso, certificado acreditativo da discapacidade do solicitante igual ou superior ao 33%.

Considéranse gastos cubertos pola bolsa o custo do desprazamento de ida e volta, preferentemente en avión; as prácticas laborais na empresa seleccionada; a titoría das prácticas laborais; un curso de inmersión lingüística; un seguro de enfermidade, e unha dotación mensual que consistirá no aboamento de axuda para custos de aloxamento e/ou manutención. A duración das estadías dos bolseiros no estranxeiro será dun máximo de 14 semanas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario