26 de feb. de 2011

A GUARDA

Guillerme Vázquez afirma na Guarda que o BNG é a única forza política en disposición de "pararlle os pés ao PP nos concellos"


O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez afirmou na Guarda que “as políticas da Dereita española en Galiza son políticas fracasadas”
Infogauda / A Guarda
O Portavoz Nacional do BNG afirma, no acto de presentación da candidatura á alcaldía da Guarda, que o BNG é a única forza política en disposición de “pararlle os pés ao PP nos concellos.”
O portavoz nacionalista asegurou que as políticas da dereita teñen levado ao noso país a unha marca histórica de desempregados e desempregadas e a forma máis segura de evitar que o PP traslade as súas política fracasadas da Xunta aos concellos –dixo- e
“apoiando as candidaturas do Bloque Nacionalista Galego”.
Guillerme Vázquez recalcou que
"a grande prioridade do BNG nos concellos será contribuír a reactivar a actividade económica e a criación demprego” e todas as liñas das políticas municipais deben ter como obxectivo último –manifestou- “dinamizar a economía produtiva e salvagardar aqueles sectores que crían máis postos de traballo, con especial énfase no apoio ás pemes"
Somos unha forza “alternativa” ás políticas de dereita –engadiu-, esas politicas que aplica os goberno galego do PP e español do PSOE e temos ademais o respaldo dun balance de xestión contrastada en aqueles concellos nos que temos responsabilidade de goberno.
Na súa intervención, o portavoz nacional do BNG tamén se referiu á crise económica e afirmou que, “ en época de crise, hai que fortalecer os servizos sociais para protexer máis aos máis desfavorecidos. Este é un modelo absolutamente antagónico ás políticas de todo para o sector privado que practica o PP"
Xan Lois Lomba
Pola súa parte o candidato alcaldía da Guarda, Xan Lois Lomba, asegurou que A Guarda ten “grandes oportunidades, un patrimonio natural e cultural que temos que defender e poñer en valor porque nos definen como pobo, porque están chamadas a ser a base do noso desenvolvemento cultural e económico. O Monte Sta. Trega, o esteiro do Miño ou a fachada atlántica teñen que ser aproveitadas para crear riqueza e converterse nun polo de atracción económico e turístico nesta esquina de Galiza”.
Lomba afirmou que o BNG aposta por facer do río Miño unha referencia, na que se teña en conta ás necesidades dos pescadores do río, na que se “aposte polos valores ambientais que dispoñemos, sen renunciar por ilo á comunicación con Portugal”
O candidato á alcadía de A Guarda tamén se referiu a xeneración de emprego e vinculouna coa xeneración de espazos onde localizar as empresas. Ese espazo –dixo- “é o polígono empresarial da Guarda que o PP decidiu facelo desaparecer nada máis chegar á Xunta mentres a alcaldesa de Tomiño do BNG, Sandra González, insistía, no polígono para Tomiño, o Alcalde da Guarda, non facía absolutamente nada. A realidade hoxe é que Tomiño vai ter polígono e A Guarda non”.
Neste sentido engadiu que “o BNG quere o polígono para A Guarda, e vai seguir reclamándoo ata que sexa unha realidade, porque é necesario para que se establezan novas empresas no noso concello”.
O candidato á alcaldía da Guarda, Xan lois Lomba, concluíu a súa intervención aludindo ás políticas sociais, e afirmou que as “políticas de igualdade sempre tiveron un lugar preferente para o BNG”, seguiremos –dixo- “apostando e loitando por unha sociedade máis xusta e onde o feito de ser muller deixe de ser unha desvantaxe”.