23 de out. de 2010

O ROSAL

OS 7 MAGNÍFICOS +1, DE NOVO ACTÚAN ESTE DOMINGO NO AUDITORIO DO ROSAL


Este domingo 24 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal do Rosal terá lugar a representación de "O Gordo e o Calvo van ao Médico", unha produción clown de Os 7 Magníficos + 1, dirixida por Iván Prado.

Este espectáculo está promovido polo "Festiclown" e conta con Francisco Rei e Pedro Brandariz como protagonistas.

Despois do éxito acadado con O Gordo e o Calvo, con máis de 50 representacións, tanto en Galicia como no resto do Estado, Os 7 Magníficos + 1 recuperan os seus dous personaxes máis populares para esta nova aventura clown: O Gordo e o Calvo van ao Médico.

Seguindo a liña do anterior, neste divertido espectáculo recupéranse e actualízanse algunha vella farsa dos pallasos de circo, mesturándose con situacións cómicas novas de creación propia. O humor máis clásico fusiónase coa creatividade e actitude de risco características desta compañía, para compoñer unha obra cómica en torno ao mundo dos médicos.

A idea de O Gordo e o Calvo xurdiu a partir do traballo -na primavera de 2002- de Os 7 Magníficos + 1 co prestixioso clown italiano Carlo Colombaioni, considerado por moitos/as como o mellor pallaso do mundo, co obxectivo de acadar un espazo pequeno no teatro galego para os números clásicos e sinxelos do mundo do pallaso de circo, a través de espectáculos de pequeno formato que, polas súas características, puideran adaptarse practicamente a calquera espazo escénico, tanto en interior como en rúa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario