24 de out. de 2010

NOVA YORK

A Academia Norteamericana de la Lengua Española (ANLE), rendeu unha homenaxe en Nova York, á obra do poeta Miguel Hernández
- O programa da homenaxe incruiu tamén a lectura de varios poemas de Hernández, así como de poemas creados polo escritor galego, residente en Nova York, Francisco Álvarez - Koki

A Academia Norteamericana da Lingua Española (ANLE) ven de render unha homenaxe en Nova York á obra de Miguel Hernández para conmemorar o centenario do nacemento dun dos poetas españois máis importantes do século pasado.
"Aínda que truncada pola súa temperá e tráxica morte, a obra poética de Miguel Hernández é un dos exemplos máis vehementes e perentorios da altura á que pode chegar a expresión poética", dixo o académico español Gerardo Piña Rosales, director da entidade con sede en Nova York.
Nun acto que acolleu o Centro Español La Nacional, de Manhattan, varios expertos en literatura española ofreceron a súa visión sobre o impacto da obra deste autor, que naceu en 1910 e morreu 32 anos despois na prisión da cidade de Alacante tras ser condenado polas forzas franquistas.
O vindeiro 30 de outubro, o autor nacido en Orihuela (Alacante), coñecido como o poeta do pobo, hubera cumprido cen anos, pero desde que comezou 2010 non cesaron os actos en homenaxe dun autor recordado como símbolo da II República española e vítima da Guerra Civil, aos que agora se suma a Gran Mazá.
Na súa intervención, chamada "Os rostros de Miguel Hernández", Piña Rosales repasou os momentos máis importantes da vida do autor e como estes marcaron a súa obra, e fíxoo "a través de motivos icónicos, desde as primeiras fotografías do poeta adolescente na súa casa de Orihuela (Alacante) ata os debuxos que se fixeron cando morreu no cárcere", segundo explicou.
"Na poesía de Hernández, o corazón e a palabra, mutuamente conxurados, conmoven profundamente ao lector, revelándolle, como a cega arremetida do touro ou a furia fulgurante do raio, o implacable da morte e o misterio ineluctable do noso destino", salientou o académico.
Ademais do director da ANLE, tamén participaron na homenaxe o peruano Christian Rubio, profesor da Universidade de Luisiana, e a española Nuria Morgado, profesora de literatura española no College of Staten Island e The Graduate Center, da Universidade da Cidade de Nova York (CUNY).
Rubio presentou "O pensamento sociopolítico e relixioso de Miguel Hernández na súa poesía e prosa", un estudo da evolución do pensamento de Hernández a través dunha análise do seu verso e prosa.
Para Rubio, a obra hernandiana reflexa 'non só a vida do autor, senón tamén a época en que foi escrita, tendo como fondo a súa ideoloxía sociopolítica e as súas crenzas relixiosas'.
Morgado presentou pola súa banda 'A muller na poesía de Miguel Hernández', onde destacou "a visión de igualdade social que o poeta oriolano confería á muller, á que cantou desde un nivel erótico, amoroso e social', e que é "unha fonte frecuente de inspiración".
O programa da homenaxe tamén incluíu a lectura de varias das creacións de Hernández, así como de poemas creados polo poeta galego residente en Nova York, Francisco Álvarez Álvarez - Koki, cuxos títulos máis recentes inclúen "Ratas en Manhattan" (2007), "Para abril e amantes" (2003) e "Alen da fronteira" (1999), entre outros poemarios tanto en galego - "Lexanías" (1980), "Maruxía" (1989), "Máis aló de Fisterre" (1991) -, como en castelán - "Poemas del verbo amar" (1981), "Soliloquios del silencio" (1982), "Para el amor pido la palabra" (1987), "Circunferencia de la palabra" (1989), "Sombra de Luna" (1990), "Desde la otra orilla" (1994) e "Entre dos aguas" (1995), entre outros -.

Ningún comentario:

Publicar un comentario