24 de set. de 2010

O ROSAL

ALBERTE ALONSO PEREIRA, CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA DO ROSAL Alonso Pereira: “o actual alcalde e grupo de goberno está esgotado e sen proxecto de futuro”



De esquerda a dereita: Xosé Manuel Méndez, responsábel Comarcal do BNG no Baixo Miño; Alberte Alonso, candidato do BNG á Alcaldía do Rosal; e Montse Prado, Secretaria Nacional de Organización do BNG.


Infogauda / O Rosal


Alberte Alonso Pereira foi elixido candidato á alcaldía do Rosal pola Asemblea Local do BNG. No acto de presentación do candidato, participaron a Secretaria Nacional de Organización, Montse Prado e Xosé Manuel Méndez, Responsábel Comarcal do BNG no Baixo Miño.

Alberte Alonso, é funcionario da Administración de Xustiza. Foi Concelleiro do BNG na Guarda na lexislatura 1991-1994. Formou parte do Consello Nacional do BNG dende 2001 até 2009 como representante da comarca do Baixo Miño. Na actualidade é o Responsábel Local no Rosal.

O candidato manifestou a súa disposición a iniciar un cambio de rumbo no concello do Rosal, pois indicou que “o actual alcalde e grupo de goberno representa un proxecto esgotado e sen futuro”. Así, sinalou que unha boa parte das actuacións levadas a cabo nos últimos tempos polo grupo de goberno, foron propostas e iniciativas do BNG, pondo de manifesto a falla de ideas do alcalde e do PP.

Pola súa banda, Montse Prado declarou que “o BNG quere gobernar para facer políticas transformadoras, políticas favorábeis á maioría e políticas democráticas. Xa o temos demostrado: de Pontevedra a Allariz, de Monforte a Tomiño; alí onde gobernamos, o BNG ten dado mostras prácticas do seu compromiso coa xente, de facer real a existencia doutra forma de gobernar e, polo tanto, que é posíbel transformar a realidade en beneficio da xente”, explicou.

O Responsábel Comarcal, Xosé Manuel Méndez, fixo referencia a solvencia do candidato, indicando que a persoa que estivo nos últimos oito anos ao fronte do BNG na comarca, é sen dúbida o mellor candidato para a alcaldía do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario