25 de set. de 2010

BAIXO MIÑO

O BNG CHAMA A SECUNDAR MASIVAMENTE A FOLGA XERAL DO DÍA 29


Infogauda / Baixo Miño
A alcaldesa de Tomiño xunto cos portavoces municipais do BNG da comarca e o Responsabel Comarcal da organización nacionalista chaman a secundar masivamente a folga xeral para defender os dereitos das traballadoras e dos traballadores e para forzar un cambio de rumo na política antisocial do Goberno.

“Hai un feixe de razóns para apoiar a convocatoria de folga, porque non pode ser que a factura dunha crise provocada polo capital financeiro e polos especuladores a vaian pagar aqueles sectores sociais que viven do seu traballo: a clase traballadora, os autónomos e os pequenos empresarios”, declarou Sandra González Alcaldesa de Tomiño.

Pola súa parte o responsábel comarcal do BNG, Xosé Manuel Méndez afirmou que -
en Galiza hai razóns aínda maiores para a mobilización. O noso país é o principal pagano da crise porque suportamos os salarios e as pensións máis baixas do Estado. As políticas antisociais do Goberno do PSOE hai que engadir que Galiza suporta ademais un goberno, o goberno do PP presidido por Feijóo, que ten demostrado a súa completa inutilidade para facer frente á crise ademais de impulsar políticas demoledoras para as clases sociais máis desfavorecidas como son os recortes e o desmantelamento dos servicios públicos (servizos sociais, sanidade ou educación).

Os nacionalistas tamén inciden en que a caída no investimento público en infraestruturas tamén castiga de forma singular o noso País, que arrastra un déficit histórico nesta materia. Tanto en época de bonanza como de crise nunca é o tempo de Galiza para o Estado español.

Para rematar os nacionalistas convidan a toda a cidadanía a acudiren a manifestación convocada en Vigo pola CIG para o próximo 29 de setembro en defensa da economía produtiva e contra á especulación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario