CELANOVA CONVÉRTESE NO CENTRO DO AUDIOVISUAL CO CURSO DE CINE E TV DA UNIVERSIDADE DE VIGO
A Deputación de Ourense destina este ano 40.000 euros para á financiación dos cursos de verán, que terán lugar en Ourense, Celanova, Bande, Xinzo de Limia e Muíños

Infogauda / Ourense
Celanova convértese un ano máis no referente do audiovisual cun dos cursos de verán máis importantes que se organizan en España sobre cine e televisión. O curso de extensión universitaria “Cine e TV. Cara e cruz”, que organiza a Universidade de Vigo conxuntamente co Consorcio do Audiovisual de Galicia, a Fundación Carlos Casares e o Concello de Celanova, reunirá en Celanova entre o 7 e o 9 de xullo a expertos, directivos e técnicos que impartirán relatorios e debaterán sobre a situación actual do audiovisual, e en concreto, sobre as relacións entre cine e televisión, o mercado competitivo existente entre ambos e as posibles sinerxias para desenvolver proxectos conxuntos. O curso está patrocinado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, e conta ademais coa colaboración da Televisión de Galicia.
A Deputación de Ourense financia este ano con 40.000 euros os cursos de verán da Universidad de Vigo no Campus de Ourense, que se desenvolverán entre os meses de xuño e novembro nos concellos de Ourense, Celanova, Bande, Xinzo de Limia e Muíños. Esta é a maior oferta formativa estival da Universidade de Vigo e unha das máis importantes de cantas se fan nos meses de verán en Galicia.
A presentación do curso tivo lugar no Centro Cultural da Deputación de Ourense coa presenza do director do curso, Miguel Anxo Fernández; o xerente do Audiovisual de Galicia, Anxo Quintanilla; o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño; a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras, e o director do Centro Cultural da Deputación, Francisco González.
Os relatores coincidiron en destacar a importancia de “aunar esforzos” para facer posible un curso “tan importante como necesario” tanto para a industria audiovisual como para as persoas que queren dedicarse profesionalmente ao mundo audiovisual. O obxectivo do curso é reflexionar sobre as sempre conflictivas relacións entre cine e televisión, dende diferentes ángulos e ao fío da actualidade. Trátase, segundo afirmou Miguel Anxo Fernández, “de analizar a cara e a cruz da relación entre o cine e a televisión, abordando temas como a resistencia das cadeas televisivas a destinar unha porcentaxe dos seus beneficios para investir en cine”.
O curso complementarase con proxeccións de ficción, como son dúas TV movies inéditas da TVG que se lles proxectarán aos alumnos, e cunha exposición de carteis de cine de terror, propiedade dun coleccionista de Celanova, que poderá contemplarse no claustro do Mosteiro celanovés.
Entre os relatorios que se impartirán figuran os de “Producir en formatos de TV”, “Cine e TV. Historia dunha relación”, “Tele 5 e o cine español”, “Publicidade audiovisual e industrias culturais”, “A experiencia de “Celda 211” e “A produción de TV movies en Galicia”, entre outros.
O curso desenvolverase no Mosteiro de Celanova e comezará o vindeiro mércores, 7 de xullo, ás 9.00 horas, para proseguir durante toda a xornada e os días seguintes en horarios de mañá e tarde. Os interesados en inscribirse no curso poden contactar coa Vicerreitoría do Campus de Ourense (teléfono: 988387300 – email: vicou@uvigo.es).
Ningún comentario:
Publicar un comentario