“NUN LUGAR NO MUNDO”, EXPOSICIÓN DE MIGUEL MOSQUERA QUE RECUPERA “A ÉPOCA DE CANDO SE ESTABA FACENDO OURENSE”
Infogauda / Ourense
O artista ourensán Miguel Mosquera presentou esta mañá o catálogo e a exposición que inaugurará pola tarde no Centro Cultural baixo o título “Nun lugar no mundo” e onde “intento recuperar dalgunha maneira a época de cando se estaba facendo Ourense”.
Nesa mirada cara atrás, Mosquera alude ao río Miño, ao Lonia ou ao café La Bilbaína e a personaxes do Ourense do século XX con pezas como “Os fillos dos meus fillos”, onde aparece seu propio pai. Ese intento de recuperar coa visión dun artista a súa cidade está marcado polo feito de que “eu sempre vivín en Ourense, aínda que fago autoexilio e prefiro vivir coma un cidadán e non coma un artista”.
Na presentación do seu catálogo, Mosquera recoñeceu o seu alonxamento dos espazos expositivos nos últimos anos e agradeceu á dirección do Centro Cultural “a paciencia que tiveron conmigo porque esta exposición xa tivo tres interruptus”, ao tempo que loubou as magníficas condicións expositivas coas que conta hoxe a cidade, cuns locais que calificou “de luxuria, que non os hai no resto de Galicia, así como a disposición do seu persoal”.
A exposición ademais de mirar cara ese Ourense familiar de Miguel Mosquera ten, tamén, un compoñente “de cabreo, porque a situación actual é para cabrearse e os artistas temos que fuxir da complacencia”.A nivel persoal, explicou que a él o que máis lle gusta “é pasar desapercibido e facer o meu traballo” e tamén loubou os poemas de Angel Conde que completan a mostra, poeta ourensán que morreu “na diáspora” ao falecer en Vilagarcía.
O director do Centro Cultural, Francisco González, salientou que dende a institución había un “compromiso incondicional con Miguel para que espuxese o seu traballo na nosa cidade e, ao final, conseguímolo”, lembrando que o artista sempre preferíu amosar a súa obra fora”, nesa referencia ao autoexilio do que falaba Mosquera. González cualificou a súa obra de complexa e coherente, “que goza dun amplo recoñecemento entre a crítica especializada do país”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario