7 de maio de 2010

OURENSE

AS DENOMINACIÓNS DE ORIXE DE OURENSE, PROTAGONISTAS NO III CONCURSO DOS VIÑOS DO NOROESTE, EN PONFERRADA


Infogauda / Ourense
O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu a presentación do “III Concurso de Viños do Noroeste”, que se celebrará en Ponferrada os días 8, 9 e 10 de xuño. Os organizadores, co alcalde de Ponferrada á cabeza, escolleron Ourense para presentar este certame por ser a provincia de Galicia que conta con máis denominacións de orixe de viños, catro das cinco que ten Galicia.
Ao concurso concorren marcas de 25 Denominacións de Orixe (17 de España e 8 de Portugal), entre elas as cinco galegas. Nas dúas edicións anteriores os viños galegos conseguiron un bo número de premios acadando ás máximas distincións, proba da excelencia dos caldos que temos na nosa terra, e que a ben seguro colleitarán este ano novos éxitos”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, no acto de presentación.Pola súa banda, o alcalde de Ponferrada, Carlos López Riesco, quen estivo acompañado no acto por José Luis Baltar; pola concelleira de Turismo de Ponferrada, Susana Téllez, e polo director do concurso, o enólogo Luis Paadín, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense ao certame e dixo que Valdeorras e o Bierzo son dúas comarcas irmás, que teñen en común un importante potencia económico, cultural, empresarial e turístico, “que con este concurso de viños queremos seguir desenvolvendo. Poñer en valor as excelencias vinícolas de Galicia, Castela-León e o norte de Portugal é o obxectivo deste concurso, que pretende dar protagonista ao viño e ás empresas deste sector”, explicou Carlos López Riesco.O Concurso está aberto á participación de todas as variedades de viños brancos, rosados e tintos elaborados en adegas de Castela e León, Galicia, Asturias, País Vasco e as rexións situadas ao norte do Douro de Portugal. Como novidade, este ano incorpórase unha nova categoría para os viños brancos doutras elaboracións, na que entrarán por primeira vez os viños das zonas límite da “Liña de Wagner”, como os viños verdes de Portugal ou os txakolís do País Vasco.O xurado estará composto por 36 catadores e os galardóns consistirán nun Premio de Ouro Especial a cada un dos viños que obteñan as máis altas puntuacións nas nove categorías establecidas. Concederanse medallas de ouro aos viños mellor puntuados e medallas de prata para os seguintes viños. A entrega dos premios realizarase nunha gala que terá lugar o 18 de xuño, organizada polo Concello de Ponferrada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario