7 de maio de 2010

PONTEAREAS

A nova sede comarcal do PP en Ponteareas permitirá impulsar o traballo coordinado das agrupacións locais do Condado-Paradanta

A inauguración da sede contará coa participación do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e o presidente provincial, Rafael Louzán
· A nova sede ven a sumarse aos preto de 40 locais que os populares teñen abertos xa noutros tantos concellos da provincia e que se prevé que se amplíen considerablemente nos próximos meses
· A apertura de sedes en todos os concellos é un dos compromisos do presidente provincial, Rafael Louzán, para “a revitalización do que, sen lugar a dúbidas, son os piares básicos do Partido Popular: as súas agrupación locais”
· O acto desta tarde enmárcase no programa “Encontros”, que Núñez Feijoo puxo en marcha desde a súa chegada á Presidencia do PPdeG e que ten como obxectivo prioritario manter un contacto permanente coas bases do partido

Partido Popular / Ponteareas


O Partido Popular abre esta tarde as portas dunha nova sede en Ponteareas, que vén a sumarse ás preto de 40 que o partido posúe noutros tantos concellos e que conforman unha rede que esta formación política pretende ampliar considerablemente nos vindeiros meses. O obxectivo é conseguir que todas as agrupacións locais do PP dispoñan dun local propio e dotado dos medios materiais necesarios para facilitar o traballo das agrupacións locais.
Esta non é a primeira sede que se abre en Ponteareas, dado que o PP local xa dispoñía dunha, que agora se cambia por un novo local máis amplo e mellor dotado, co obxectivo de que dea servizo non só aos populares ponteareáns, senón tamén aos de todos os concellos do Condado-Paradanta. Trátase dunha sede que nace cunha verdadeira vocación comarcal e co obxectivo de impulsar o traballo conxunto e coordinado das agrupacións dos municipios de Ponteareas e o seu contorno.
A consolidación e expansión da rede de sedes locais e comarcais do PP é un dos compromisos do presidente provincial, Rafael Louzán, que considera “fundamental” que todas as xuntas locais “dispoñan dun local de traballo axeitado”.
Nesta liña, incide en que as sedes deben ser un lugar de referencia para todas as agrupacións, así como “un apoio e unha casa coas portas sempre abertas aos afiliados e simpatizantes do partido e a todos aqueles veciños e veciñas que queiran acudir a nós para expoñernos as súas propostas, as súas demandas, as súas necesidades”.
É este papel o que fai que o dirixente provincial considere as sedes como elementos relevantes na “revitalización do que, sen lugar a dúbidas, son os piares básicos do Partido Popular: as súas agrupacións locais”.
CONTACTO COAS BASES
Ademais do presidente provincial do partido, Rafael Louzán, e do presidente local, Salvador González Solla, a inauguración da sede contará tamén coa participación do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo.
De feito, o acto desta tarde enmárcase no programa “Encontros”, que Núñez Feijoo puxo en marcha desde a súa chegada á Presidencia do PPdeG e que ten como obxectivo prioritario manter un contacto permanente coas bases do partido, algo polo que tamén se apostou e se segue a apostar firmemente desde o PP provincial.
Na anterior lexislatura, o presidente do PPdeG visitou todos e cada un dos concellos de Galicia e nesa liña quere continuar na actualidade, aínda sendo consciente de que casar a axenda institucional como presidente da Xunta coa súa axenda de partido non é doado.
Malia todo, o líder dos populares en Galicia está a aproveitar as tardes dos venres e os sábados pola mañá para seguir o máis próximo posible ás bases do partido e para participar en actividades que lle permitan unha relación directa e informal coa cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario