12 de abr. de 2010

OURENSE

SENTAR AS BASES DA SOSTENIBILIDADE DE GALICIA, OBXECTIVO DO CONGRESO DE MEDIO AMBIENTE QUE SE CELEBRA EN OURENSE



Infogauda / Ourense
O profesor Francisco Peña, responsable do congreso, considera necesario realizar “un esforzo solidario entre administracións, investigadores e a sociedade” para transmitir valores que permitan adquirir máis cultura ambiental”.
S entar as bases da sostenibilidade de Galicia e transmitir valores que permitan á sociedade adquirir a necesaria cultura ambiental para preservar o noso medio, son os obxectivos do III Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde que hoxe se inaugurou no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Máis de 100 congresistas, 40 relatores, investigadores, empresarios, estudiantes e representantes das diferentes administracións danse cita nun evento que coloca á provincia de Ourense no foco de atención do medio ambiente en España durante os cinco días que durará o congreso.No acto de inauguración o profesor Francisco Peña, responsable do congreso dixo que a finalidade “é ofrecer un foro constructivo e de diálogo aberto para que persoas de diferentes ámbitos da sociedade aporten argumentos e analicen propostas para acadar acordos que beneficien a toda a sociedade”. Peña considera que o medio ambiente “non entende de cores políticas nin intereses económicos. A auga, a terra e os alimentos necesitan do esforzo de todos, de máis investigación e máis educación para termos entre todos unha verdadeira conciencia medioambiental”.O vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Manuel Baltar, foi o encargado de inaugurar o congreso. Na súa alocución dixo que o mellor legado “que lle podemos deixar ás xeracións vindeiras é unha excelencia na sostenibilidade de Galicia”, e afirmou que nos últimos trinta anos “o medio ambiente deixou de ser unha anécdota na nomenclatura dos departamentos para converterse no departamento estrela, aquel que xustifica a acción dun executivo”.Manuel Baltar referiuse ao termalismo, un dos eixos de futuro da provincia de Ourense, afirmando que é necesario potenciar infraestruturas e servizos como “a posta en marcha do Instituto Termal de Galicia en O Carballiño ou o Clúster da Auga na capital ourensá, proxectos dinamizadores que se recollen no Plan Estratéxico da Provincia de Ourense, porque recollen unha tradición histórica reflectida na calidade e especificidade das nosas augas”.Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, dixo que o medio ambiente é unha cuestión “de responsabilidade, e esixencia, e a Deputación de Ourense ven desenvolvendo un traballo de especial significación neste eido. Na actualidade asumimos o labor de xestión da recollida e tratamento dos residuos sólidos urbáns de gran parte dos concellos da nosa provincia, prestando un servizo pioneiro entre as deputacións galegas. E trátase dun servizo pioneiro e de calidade”.Plácido Álvarez dixo asemade que a Deputación é pioneira en materia de xestión e depuración de augas residuais e fumos a primeira deputación en constituir unha empresa mixta para xestionar o ciclo completo da auga aos concellos da provincia. “Queda claro, pois, o noso compromiso con un sector que ben podemos considerar estratéxico para o desenvolvemento dunha sociedade e que o medio ambiente é un elemento xerador de actividades capaces de producir emprego, saúde e benestar á población”.O profesor Francisco Peña afirmou que é moi importante “ter en conta o peso específico que ten o medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, renda, saúde e benestar na poboación, ademais de apoiar a formación e a reciclaxe de técnicos e medio ambiente e saúde, e propiciar a participación de todos os axentes sociais”.Entre os temas que se abordan no congreso figuran mesas de debate sobre “O modelo enerxético sostible”, “O patrimonio natural, forestal e mariño de Galicia”, “Os plans de actuacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e de Augas de Galicia”, “A protección e mellora da calidade das augas”, “A xestión integral de residuos en Galicia”, “A empresa ante o reto medioambiental do século XXI”, e a “Posta en común sobre a xestión ambiental nas catro provincias galegas”. A conferencia de inauguración sobre “Novos retos na loita do cambio climático” estará a cargo do profesor Ignacio Elorrieta, mentres que a conferencia de clausura, que abordará a temática “A paisaxe galega: un recurso socioeconómico para o desenvolvemento local” será impartida polo profesor Domingo Gómez Orea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario