22 de mar. de 2010

OURENSE

CURSOS DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS E DE TRAMITACIÓN DE EXPEDIENTES ADMINISTRATIVOS

Infogauda / Ourense


A Deputación de Ourense, a través do seu Negociado de Formación Continua, organiza no Centro Cultural dous cursos que comezan mañá martes, un de “Prevención de Riscos Laborais (Básico PRL)”, de 30 horas de duración, e outro de “Tramitación de expedientes administrativos na Administración Local”, de 20 horas. O de PRL desenvolverase ata o 26 de abril en horario de 9.00 a 13.00 horas.
O curso vai dirixido a traballadores da Administración Local, interesados na prevención de riscos laborais, así como a delegados de prevención e membros dos comités de seguridade e saúde das corporacións.
Os obxectivos son dotar aos participantes dos coñecementos técnicos e teóricos necesarios para o desenvolvemento das funcións de nivel básico de prevención de riscos laborais. Ademais preténdese proporcionarlles aos participantes uns coñecementos xerais e básicos sobre toda a normativa legal aplicable en materia de prevención de riscos laborais, e analizar cales son os principais riscos que se presentan nas diferentes tarefas e actividades profesionais que desenvolven os traballadores da Administración Local e afondar nas medidas para a súa prevención.
Os docentes encargados de impartir o curso son Nicolás Chao Fernández, e Lorena Gaspar Grandal, técnicos superiores en Prevención de Riscos LaboraisPola súa banda o curso de Tramitación de expedientes administrativos estará impartido por Mónica Legaspi Díaz, interventora do Concello de Chantada e do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, e interventora de Administración Local con Habilitación de Carácter Estatal. O curso ten como obxectivo Mellorar a preparación dos profesionais das entidades locais da provincia sobre como efectuar a organización e xestión dos arquivos das oficinas municipais, e dar a coñecer ós participantes as directrices básicas para a correcta administración.O curso vai dirixido a persoal técnico e administrativo das entidades locais da provincia, que preste servizo nos arquivos das oficinas municipais, ou que xestione gran cantidade de documentos; responsables de arquivos e rexistros das corporacións locais que teñan ó seu cargo a recollida de documentación, así como a súa clasificación e conservación, e traballadores da Administración Local, dos grupos C1 e C2, que interveñan na elaboración e tramitación de expedientes ou con tarefas de xestión administrativa.Finalmente, o vindeiro día 23 de marzo o Centro Cultural acolle unha xornada informativa sobre a Prevención do Cancro de Mama, impartida polo doctor Juan Carlos Rodríguez Casmartiño, en horario de 11.00 a 12.00 horas, con entrada libre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario