10 de mar. de 2010

OURENSE

A ESCULTURA DE IVAN PRIETO CHEGA AO CENTRO CULTURAL



O Centro Cultural da Deputación acolle mañá, xoves, día 11 de marzo, ás 20:15 horas, a inauguración oficial da exposición de escultura "IVÁN PRIETO 2000-2010", na que se nos ofrece unha escolma do traballo escultórico deste xove artista ourensán.

Mercedes Rozas / Ourense
“¡O belo é feo e o feo é belo!”Existe unha parcela no territorio da arte na que a hibridación é cómplice do misterio. Aínda que non é unha alianza nova, xa que Giuseppe Arcimboldo ou El Bosco se valeron dela, o certo é que o ámbito multicultural de hoxe en día parece favorecela. Cara ás obras de arte creadas ó azar desta interpretación fantástica, que provoca raras simbioses, en xeral o espectador reacciona con inquietude e certa angustia. Umberto Eco recoñece que nelas prevalece un asomo sinistro e que se nos espantan ou nos causan horror é porque representan “algo que non é como debera ser”. Son imaxes que acaban por remitirnos ó mundo dos soños, un mundo expandido, no seu concepto máis artístico, non só pola plástica senón tamén pola literatura ou o cine.Ante as sorprendentes escenas de Iván Prieto podemos ter esa sensación de certa ansiedade ou turbación e, sobre todo, de misterio. Son personaxes que supostamente reaccionan coma calquera humano, habitan os nosos mesmos espazos e actúan da mesma forma que o faría calquera home ou muller coñecidos. Sen embargo, non son nin correntes nin responden ó estereotipo vulgar de Homo sapiens. Son distintos ou, quizais, non tan distintos. Alberto Manguel recórdanos que sempre existiron persoas que nos poden perturbar polo seu comportamento, pacífico pero ó mesmo tempo inexplicable e estraño. Así conta, falando de poetas, como Gérard de Nerval sempre saía acompañado dunha lagosta amarrada a unha corda e Alfred Jarry sacaba un zapato de paseo polas rúas de París. A lista de casos podería ser infinita. É posible que estes suxeitos de carne e óso e, por suposto, reais, así como os suxeitos imaxinados por Iván Prieto, construídos de materiais industriais e, por outra parte, irreais, procedan do mesmo país, o das quimeras, aquel antigo territorio ó que Prometeo deixou sen fronteiras e onde nada é como debera ser. Seguramente, e en definitiva, uns e outros non son tan diferentes a nós. A mirada estética amósasenos nesta proposta, pois, determinada en certa medida polo espectro do onírico e, polo tanto, próxima ó ideario que promociona a poética do inconsciente ante o peso da razón. As correspondencias iconográficas pódennos levar ata os manequíns surrealistas, obxectos que dentro daquela erótica de sedución vangardista serviron de asento a todo tipo de interpretacións nas que soño e azar foron sempre da man.Corpos deformados, membros prolongados por próteses desmedidas, individuos emparentados ó home-elefante recreado por David Lynch, perfís de humanoides que se nos antollan próximos, individuos que, aínda feos e absurdos, conmoven como conmovía aquel home de lata que desexaba máis ca nada ter un corazón. O artista escenifica encontros intimamente inquietantes, abríndoos a todo aquel que queira participar, ó que desexe entrometerse nun cenáculo privado onde tampouco nada do que vemos é o que parece. Os posibles voyeurs sentiranse somerxidos nun espectáculo que lles resultará familiar, pero que ten máis de ficción que de realidade. O que se nos ofrece é unha representación teatral con máis dun argumento persoal e actos versionados por quen a contemple. É unha acción silenciosa, pausada e lánguida, que se apropia do espazo nunha intervención artística que se afasta, cun propósito espacial e temporal, da clásica percepción de escultura. Iván Prieto dálle un novo sentido á instalación, na liña das realizacións que desde hai anos leva a cabo Erwin Wurm, o artista austríaco que reacomoda pezas cotiás a cada novo lugar, intentando redimilas da súa función orixinal. Os obxectos adquiren así un novo significado. Volve ser Eco o que nos advirte que na representación artística, a beleza e a fealdade alcanzan moitas variables, que terminan en non poucas ocasións por irmandalas. O autor italiano finaliza aseverando as súas reflexións cunha expresión das bruxas no primeiro acto de Macbeth: “¡O belo é feo e o feo é belo!”, unha exclamación que nos serve de colofón á obra de Iván Prieto, unha obra na que o grotesco chega a ser fermoso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario