10 de mar. de 2010

GALICIA

Feijóo: “Neste momento máis ca nunca necesitamos a unidade, a unión e remar todos xuntos” para lograr a fusión das caixas galegas
Asegura que está a disposición da Cámara, que non vai “traizoar o compromiso que asumimos neste Parlamento” nin dar un paso atrás en deixar de defender as competencias exclusivas de Galicia en materia de caixas de aforro.
“Estamos e seguiremos respondendo ao mandato unánime deste Parlamento”, asevera salientando que este mandato é “buscar a unión, buscar a fusión e conseguir a quinta gran caixa de España”.
Destaca que a estratexia do Goberno galego se basea na “negociación sen límites”, polo que a Xunta vai seguir negociando “ata o final”; e na “firmeza sen límites”, que implica que non vai renunciar ás competencias exclusivas de Galicia en materia de caixas de aforro.
“Fariámoslle un fraco favor a Galicia se en vez de seguir negociando ata o final rachamos antes de que chegue ese final”, subliña amosando a súa esperanza de que se abandonen “plantexamentos de discriminación e espúreos”.
Lembra que o recurso do Partido Socialista en España “non é máis que unha desculpa e unha escusa e non é máis que despistar sobre a verdadeira intención que ten o Partido Socialista, que é bloquear a fusión das caixas galegas”.
Amósase confiado en que os dirixentes do Partido Socialista que non están de acordo coa estratexia que segue o seu partido “convenzan ao resto” para apoiar “o que quere a inmensa maioría dos galegos, os intereses xerais de Galicia e o que quere esta comunidade autónoma”.

A Consellería de Economía e Industria prepara un Plan integral de apoio ao sector da automoción galego
O departamento que dirixe Javier Guerra lamenta o escaso apoio económico que o Ministerio de Industria presta ao sector galego do automóbil coas súas axudas.
A Consellería de Economía e Industria apunta que o Goberno central, unha vez máis, decide primar a outras comunidades autónomas nas que a automoción ten moito menos peso na súa economía.
A Xunta reafirma o seu compromiso co sector e salienta que o re-Móvete Industrial suple o problema que a automoción galega atopa na falta de apoio por parte do Goberno central.
A Xunta de Galicia propón un percorrido pola arte en feminino a través do libro ‘100 mulleres galegas: artistas emerxentes’
A obra fai visible o traballo que se está a facer nestes momentos en Galicia.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela incidiu na necesidade de “reivindicar o caudal creativo das nosas artistas e a sensibilidade estética das artistas galegas; seguir promovendo a mirada enriquecedora que aportan as mulleres á nosa cultura”.
A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, mostrouse convencida de que coa publicación desta obra “dáse un paso importante na construción dunha narración alternativa, un anaco da historia presente das mulleres artistas galegas”.
A consellería de Cultura e Turismo e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran na edición desta obra que tanta centrar a mirada nas mulleres como suxeitos da arte e non coma obxectos.
Facenda iniciará nos vindeiros meses unha campaña de control para garantir a transparencia das comisións bancarias
As comisións aplicadas polas caixas galegas son inferiores á media do sector e a consellería constatou unha calidade aceptable da transparencia e información facilitadas.
Remarca que debe existir unha relación directa entre a cantidade cobrada e o servizo prestado pola entidade bancaria.
O Goberno galego garante a transparencia a través da autorización das campañas publicitarias con contido económico-financeiro.
En 2009 a Xunta solicitou a rectificación do 30% do texto inicial das 500 campañas autorizadas.

A Xunta cifra entre 10 e 12 millóns de euros as perdas económicas pola decisión do Goberno de non celebrar un sorteo da lotería a prol do Xacobeo
A conselleira de Facenda denuncia a ausencia dunha vontade política do Goberno central de apoio ao Ano Santo 2010.
Fernández Currás contrapón que mentres a Xunta fixo todo o que estaba nas súas mans para acadar o sorteo, o Estado non solucionou esta situación.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mobilizará no ano 2010 investimentos en obra pública por máis de 750 millóns de euros
· Agustín Hernández durante a súa intervención parlamentaria
Autor: Xoán Crespo
O conselleiro destaca o esforzo inversor en obra pública, a pesar da etapa constritiva da economía e do escenario de austeridade do actual goberno.
Aclara que a actual Xunta non paralizou investimentos senón que fixo posible a súa realización, liberando de atrancos e revisando proxectos que por eivas financeiras, técnicas ou de procedemento non era posible acometer.
Destaca que a licitación de obra pública mantivo un notable ritmo de inversión, como proba o feito de que ao longo de 2009 se licitaron obras por un importe superior aos 706 millóns de euros.
Hernández recorda que o Plan MOVE é o proxecto que vai dirixir a política de infraestruturas viarias ata o 2015 do actual Goberno, e que prevé un investimento de 4.265 millóns de euros e unha xeración de 70.000 empregos directosA modo de exemplo, explicou que desde o 18 de abril ao 31 de decembro do ano pasado o grupo MATI licitou un 849% mais fronte ao mesmo período da pasada lexislatura.

O secretario xeral para o Deporte anunciou a intención da Xunta de Galicia de potenciar o único velódromo de Galicia

· José Ramón Lete Lasa na súa visita ao velódromo
José Ramón Lete visitou ás instalacións deportivas de O Porriño.
A Xunta de Galicia reformará o campo de Torneiros cunha inversión de más de 747.000 euros.
Ler máis.

Feijóo agradece o labor do ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e ofrécelle a súa colaboración institucional “para o que precise”
O presidente da Xunta foi informado polo propio Pérez Touriño da súa renuncia antes de que este a fixera pública.
O mandatario autonómico, Alberto Núñez Feijóo, agradeceulle esta mañá ao ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o seu labor na defensa dos intereses de Galicia ao longo da súa traxectoria política e ofreceulle a súa colaboración “institucional e persoal para o que precise”.
O presidente da Xunta, que foi informado por Emilio Pérez Touriño da súa renuncia ao seu escano no Parlamento antes de que este a fixera pública, trasladoulle ao ex presidente todo o seu apoio e púxose á súa disposición “para o que precise”.
O xefe do Executivo galego trasladoulle a súa intención de seguir “en contacto para todo aquilo que sexa necesario” e desexoulle o mellor na etapa que agora comeza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario