7 de mar. de 2010

A GUARDA

Ineficacia do goberno municipal pola falta de orzamentos para este ano
Para o BNG é preocupante a descoordinación entre o alcalde e a concelleira de Facenda que pagan os veciños e veciñas da Guarda
Xan Lois Lomba Alonso, portavoz municipal do BNG
BNG / A Guarda
O BNG considera inadmisíbel que no mes febreiro o grupo de goberno do PSOE non teña presentado os orzamentos para o presente ano.
Os orzamentos son o documento que debe plasmar cales son as intencións do goberno municipal en canto ás actuacións, servizos, investimentos... que pretende levar a cabo durante o ano 2010. Esta situación pode pór en risco o funcionamento do Concello, dado que non se poden actualizar diferentes partidas, nin crear outras novas en función das necesidades do Concello, nin pagar subvencións nin facer obras novas que os veciños e veciñas demandan.
Sorprende que o PSOE, que goza de maioría absoluta, non teña feito absolutamente nada neste senso. Asemade, hai que engadir a falta de coordinación entre o alcalde, José Manuel Freitas, e a súa concelleira de Facenda, Montserrat Magallanes, dado que mentres o pasado venres 29 de xaneiro
o rexedor aseguraba nos medios de comunicación que os orzamentos se estaban a deseñar, ela dicía que estaban rematados e soamente quedaban cuestións técnicas como o troco da estrutura das contas nas entidades locais, troco que o BNG deixou claro que xa se coñecía en 2008, ante o cal houbo tempo máis que suficiente para tomar as medidas oportunas.
Cando o PSOE estaba na oposición, a actual concelleira de Facenda, denunciaba que os presupostos que presentaba o PP chegaban tarde e non cumprían os prazos. Hoxe, este grupo de goberno realiza a mesma política do PP e non presenta os orzamentos en tempo e forma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario