31 de mar. de 2010

GALICIA

Un estudo de CCOO confirma a solvencia do sistema público de pensións

O sindicato rexeita as propostas do Goberno español no sentido de atrasar a idade de xubilación


Clara Gamarra (secretaria de Previsión social) e Manuel Lago (economista de CCOO)
Comisións Obreiras / Galicia
O estudo 'O sistema público de pensións en Galicia' confirma a solvencia do sistema público de pensións, xa que nos últimos anos medrou tanto o número de pensionistas como a contía das prestacións, algo que non sería posible sen un sistema con garantías.

Por este motivo, CCOO oponse ao atraso da idade de xubilación de 65 a 67 que propón o Goberno español. Para o sindicato, trátase dunha medida «extrema e innecesaria», xa que nos Acordos de Pensións se establecen mecanismos non traumáticos para os traballadores e traballadoras, «que tiveron como efecto un atraso efectivo e voluntario da idade de xubilación real» de 62,87 anos a 63,27 anos en menos de cinco anos, sinalan as conclusións do estudo.As propostas de CCOO pasan por reforzar os mecanismos voluntarios da xubilación gradual e flexible, tanto para anticipar a idade de xubilación como para atrasala. Para as persoas que desexaren ou precisaren atrasar a idade de xubilación, «poden e deben reforzarse as porcentaxes de mellora na súa pensión», explicou na presentación do documento Clara Gamarra, secretaria de Estudos, Cultura e Previsión Social do sindicato.
Cotizacións sociais
Aínda que o Executivo estatal propón manter o tipo medio de xubilación con carácter xeral, deixa aberta unha vía a «posibles modificacións parciais». Para CCOO, o sistema de pensións «non pode renunciar a manter os ingresos por cotizacións sociais e melloralos no posible cunha actualización das bases de cotización».Ademais, o sindicato defende estender a posibilidade de cotizar a calquera dos traballos realizados en todos os sectores de actividade económica, destacando expresamente os bolseiros e as empregadas do fogar, e sinala a importancia de revisar a cotización dos traballadores/as autónomos, «acercándoa aos rendementos reais da actividade, e mesmo establecer mecanismos que axuden a evitar a planificación da pensión que permiten determinados réximes de cotización».
Acceso e contía das prestacións de xubilación
Por outra parte, CCOO defende que «non se debe endurecer o acceso á percepción da pensión». Responde así diferentes propostas imprecisas tendendentes a revisar o período de carencia para acceder ás pensións de xubilación —actualmente, quince anos—, así como o período de cálculo da base reguladora —actualmente, os últimos quince anos— ou a porcentaxe aplicable a esta segundo o número de anos cotizados —o 50% con quince anos, e trinta e cinco anos para acceder ao 100%—.O sindicato asegura que as propostas que se realicen verbo destas materias «han orientarse a mellorar os sistemas de protección, recoñecendo o esforzo de cotización das traballadoras/es, especialmente para as persoas que se ven obrigadas a abandonar a actividade laboral nos últimos anos da súa vida cunha importante e inxusta mingua nas súas pensións».
Impacto de xénero
Como xa se avanzara o pasado 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller, este estudo confirma o impacto de xénero nas pensións. Así, a pesar de que se produciron avances paulatinos, as mulleres continúan a percibir prestacións máis baixas que os homes, principalmente debido a teren menos anos cotizados, á percepción de salarios inferiores e a factores como a feminización do contrato a tempo parcial —que se duplicou na última década, representando as mulleres o 78% das persoas así contratadas—.
Caixa única e solidariedade
O estudo de Comisións revela tamén a importancia para Galicia da solidariedade que rexe o sistema público de pensións, representado sobre todo pola caixa única, xa que o noso país recibe cada ano 1.600 millóns de euros máis do que cotiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario