7 de xan. de 2010

INTERNACIONAL

Pallasos en Rebeldía asiste ao Seminario Internacional "Planeta Tierra: Movimientos Antisistémicos" en San Cristóbal de las Casas - Chiapas - Mexico

Na imaxe Iván Prado, na súa estadía anterior en Chiapas
Pallasos en Rebeldía / Chiapas
Pallasos en Rebeldía volta visitar territorios zapatistsa, nesta ocasión participando no I Seminario Internacional de Reflexión e Análise in Memoriam Andrés Aubry". Planeta Tierra: movimientos antisistémicos" que ven de celebrarse entre o 28 de decembro e o 2 de xaneiro na localidade chiapaneca de San Cristobal de las Casas en México. Infinidade de intelectuais, activistas, filósofos, xentes da cultura e a política de esquerdas déronse cita neste foro covocadxs polo EZLN para debatiren sobre as respostas sociais e políticas que se están a dar no mundo fronte á Globalización e o Capitalismo.
Ivan Prado, representante de Pallasos en Rebeldía e experto coñecedor en primeira persoa da realidade e a causa zapatista, atópase actualmente neste foro dende o cal xa comezou a escribirnos as súas crónicas, deixando entrever que están a acontecer cousas no seo do zapatismo: "Voume coa conciencia clara que este 1.° de xaneiro algo empeza a moverse en Chiapas. En ningún caracol se celebra o levantamento zapatista, sólo en San Cristóbal empeza o 30 un foro internacional para debater con intelectuais do máis alto nivel da esquerda antisistema do continente. Para alá marcho cun sabor a 1994 na boca, a aquela madrugada cando o "xa basta" zapatista espertou ao mundo. Non sei se esta vez os indios tomarán as rúas de San Cristóbal ou simplemente se preparan para outra nova forma de loita. O que se presinto é que de novo tócanos ser observadores privilexiados de fermosas páxinas da historia mexicana e da esperanza no mundo."
Ivan Prado leva tamén consigo varios exemplares do documental "Mashi: Trasi que Trasi" que Pallasos en Rebeldía grabaron na Caravana feita en abril do 2009 en Palestina, e que están a presentar en pequenos foros de Mexico onde está moi presente tamén a resistencia Palestina así como outras moitas loitas de pobos de todo o mundo.
Ivan Prado escribe: "A costa pacifica de Chiapas é unha das xoias deste país. Chego un 24 de decembro a un lugar onde o mar e o ceo se dan a mán, e para alcanzar a palapa (cabana de paus e folla de palma) transpórtanme nunha simpática canoa motorizada, para pasar os dous días de espera antes de que chegue o resto da caravana. Na noite do 25 proxectamos o documental de Pallasos en Rebeldía en Palestina, sobre unha saba colgada entre os postes da palapa. Presentes: mexicanos, franceses, vascos, alemás, madrileñas e uns cantos pelicanos, acabamos dúas horas máis tarde entre abrazos e aplausos, logo dun coloquio ben chido como din aquí, a verdade é que este novo internacionalismo éncheme de esperanza." Así é como Pallasos en Rebeldía recibiron o 2010, expectantes ante a posibilidade inminente de novos cambios na estrategia zapatista, como asistentes en primeira persoa a novos pasos firmes da Revolución Zapatista fronte ao Capitalismo e o "Mal Goberno" que asolan Chiapas, Mexico e o Mundo enteiro. Sen profilaxis algunha Pallasos en Rebeldía buscan e fomentan o contaxio desta realidade, para que se produza unha pandemia mundial de rebeldía verdadeira, aquela que remata coa verdade única e dá o seu lugar a cada verdade para crear unha verdade colectiva, construida por todos e todas.
Máis información, proximamente, en www.pallasosenrebeldia.org

Ningún comentario:

Publicar un comentario