OURENSE ACOLLEU A FESTA DOS EDITORES CO APOIO DA DEPUTACIÓN

A cidade de Ourense acolleu a festa anual dos editores galegos, nun acto celebrado no Liceo da capital e que contou co apoio e resplado da Deputación de Ourense.
Infogauda / Ourense
A cita foi ás oito do serán dos menos oito graos máis literarios do Liceo Ourensán. Autoridades, editores, autores e demai s convidados deixaron por un intre os abrigos xa que a curiosidade por saber dos vencedores era maior ca friaxe. Coa media hora de retraso das cousas importantes comezou un evento que trascendeu a escaleta prefixada. Cousas de Camilo Franco, presentador da gala, pero sobre todo xornalista afiado e ourensanista retranqueiro. Señoras e señores, primeira parte do evento: a da emoción e a nostalxia. Que era precisamente o que traslucían as facianas da xente de Nova Galicia Edicións, porque un cuarto de século de vida son moitos proxectos, moitas palabras no papel e iso foi o que lembraron Manuel Bragado e Carlos del Pulgar. Logo veu o recordo para un ausente persoeiro que se murcha por momentos na capital da Xeración Nós: Marcos Valcárcel, polifacético e agradecido, xenial no pensamento de todos.Señoras e señores, segunda parte do evento: Con cambio de escenario e da chaqueta do presentador incluída, ademais dos ritmos rock enxebre dos Burgas Beat. Premio Isaac Díaz Pardo ao ilustrador do ano 2009 para A grande viaxe, de OQO Editora, con sucinto agradecemento de Marcos López, da editorial. Logo viñeron os chistes porque os conselleiros e demais próceres marcaron algún metro de "baleiro existencial" fronte ao señor presentador. Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil do ano 2009 para A araña e máis eu, de Fran Alonso e Manuel G. Vicente e selo de Kalandraka. E o Camilo seguiu a orde de entrega que lle recitaba un provocativo e-book (o que vén sendo un libro electrónico). Foi o Premio Lois Tobío ao tradutor do ano 2009, para unha emocionada e humilde Eva Almazán ("prefiro darlle voz aos outros", afirmou), por verquer á lingua de Castelao os Contos completos I e II, de Edgar Allan Poe, da Editorial Galaxia.O Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano -autora, neste caso- pola súa traxectoria -breve pero intensa, neste caso- foi para unha Rosa Aneiros moi solicitada. Esta concesión ergueu as envexas do mesmo presentador, algo falto de galardóns, quen propuxo despremiar ao autores-as cuxo apelido remate en -eiro/s, véxase Aneiros, Caneiro ou Cunqueiro. O Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano quedou na casa. Levouno o Ciclo de Xúpiter, de Millán Picouto e a Editorial Linteo de Manuel Ramos; ambolosdous ben emocionados ao recoller. Neste punto os fashes dos fotógrafos escintilaron algo máis ao facer a entrega das estatuíñas o señor José Luís Baltar, presidente da Deputación de Ourense e protagonista de moitos teletipos ultimamente.Xa metidos nos pratos fortes da noite -quitando o carpaccio de polbo e os follados de grelos- chegou o momento do Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2009, que foi para o profesor Xesús Alonso Montero por Cartas de republicanos galegos condenados a morte: 1936-1948, de Edicións Xerais. Entregou o galardón o señor alcalde das Burgas Francisco Rodríguez aguilloado polos símiles entre a xestión municipal e a non ficción proferidos polo mestre de cerimonia. Entón chegou a clase maxistral do máster dos másters galegos en republicanismo que deixou coa boca aberta aos políticos das diversas cores presentes no salón.E multiplicáronse os flashes porque lle tocou a quenda ao Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano, entregado polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e recollido por Alberto Lema, flamante autor de Sidecar, outro título con fasquía de Galaxia, casa ben representada por Víctor F. Freixanes.E chegaban as derradeiras badaladas da gala. "Imos rematar porque se vos ve cara de fame e non é fino que aos intelectuais se lles note a fame", anunciou Camilo Franco. E leu o merecedor do Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2009: Fotobiografías sonoras, de Ouvirmos, que foi entregado nin máis nin menos que por Pedro de Andrés, Presidente da Federación de Gremios de Editores de España. E por último, o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano tocoulle nesta ocasión á empresa de telecomunicacións R (esos da internet por fibra óptica e a campaña Cámbiache o conto). Entregoulle a arxenta escultura a un directivo de traxe caro o señor Alfonso García Sanmartín, presidente dos editores deste país. Quen logo ocupou o escenario durante tres follas de discurso ben tecido. Quedaron claras as cousas para todos e, por se a alguén lle quedou algo de amargor nos beizos, os esforzados rapaces da Escola de Hostelería de Vilamarín distribuíron exquisita creatividade culinaria con clímax sabor viño tostado e amendoado alaricano. Grazas a todos e deica o ano que vén, senón mellor, quizabes con algo máis de calor.Fonte: Asociación Galega de Editores
Ningún comentario:
Publicar un comentario