31 de dec. de 2009

A GUARDA

O BNG reitera a inclusión da Praza de Abastos no Plan E 2010


O BNG presentou unha carta dirixida ao Sr. Alcalde solicitando unha entrevista para tratar a proposta presentada polos nacionalistas para o Plan E 2010

BNG / A Guarda
O portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, presentou o pasado 10 de decembro unha proposta no rexistro do concello para o incluír a remodelación da Praza de Abastos no Plan E 2010 para o Concello da Guarda.

O pasado día 22 de decembro, vendo que non se obtiña resposta, o BNG presentou unha carta dirixida ao Sr. Alcalde solicitando unha entrevista para tratar a proposta presentada polos nacionalistas para o FIL 2010, coñecido como Plan E.

Dende o BNG están sorprendidos pola falta de interese amosada polo Sr. Alcalde e o grupo de goberno pola iniciativa nacionalista de abordar a remodelación da Praza de Abastos da Guarda.

Os nacionalistas entenden que este fondo, de 1.124.749 €, é unha boa oportunidade para materializar todas estas declaracións de intencións. Sendo conscientes de que a cantidade pode que sexa insuficiente, pero pode ser un inicio de cara a conseguir da praza un edificio moderno e con todas os equipamentos necesarios para a súa actividade.

O BNG lembran que todas as formacións políticas expresaron en diferentes ocasións a necesidade de reformar a Praza de Abastos dado que non cumpre os requisitos necesarios para desenvolver unha actividade comercial con criterios de calidade. É unha oportunidade de pasar das promesas aos feitos, ante a cal, parece que o Sr. Alcalde fai oídos xordos ao non atender ás reiteradas solicitudes dos nacionalistas.

A proposta presentada no seu momento conta co apoio das asociacións de comerciantes así como de usuarios e comerciantes da praza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario