20 de out. de 2009

OURENSE

XA SE PODEN SOLICITAR NA DEPUTACIÓN AXUDAS A UNIVERSITARIOS, DEPORTISTAS E TÉCNICOS POR IMPORTE DE 245.000 EUROS

Xa se poden solicitar axudas a universitarios, deportistas e técnicos que ofrece a Deputación de Ourense e que suman, nos diferentes conecptos, un total de 245.000 euros. O Boletín Oficial da Provincia fixo público os pasados días 15 e 16 de outubro as axudas a universitarios, deportistas e técnicos deportivos que a Deputación de Ourense pon a disposición dos interesados coa finalidade de apoiar, por unha banda, a formación do s nosos titulados, e por outra, mellorar a formación e rendemento dos deportistas ourensáns, así como o traballo investigador e formativo dos técnicos deportivos.

Infogauda / Ourense


Con respecto ás bolsas internacionais, a institución provincial ofrece aos universitarios de Ourense apoio en actividades de formación e cualificación profesional en empresas da Unión Europea. As devandita bolsas enmárcanse no marco do programa europea Leonardo da Vinci 2009, e supoñen unha axuda para a formación dos universitarios, sendo un instrumento que contribúe á realización efectiva do principio de igualdade de oportunidades.O feito de poder realizar prácticas en empresas da UE posibilita a adquisición de coñecementos e competencias, facilitando a mobilidade dos traballadores para o desenvolvemento de labores innovadoras e de transferencia, fomentando tamén o perfeccionamento de linguas estranxeiras.As prácticas desenvolveranse preferentemente en empresas de Alemaña, Austria, Francia, Italia, Polonia, reino Unido, República Checa e Portugal. Será competencia da Deputación de Ourense a adxudicación dos destinos, en atención ao ámbito de actividade das empresas contactadas en cada país, así como a adecuación dos candidatos ao programa e o nivel amosado no coñecemento de idiomas estranxeiros.Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios son: estar en posesión de titulación universitaria de primeiro ou segundo ciclo; que dita titulación se obtivese nos cinco anos inmediatamente anteriores á data de convocatoria deste concurso; posuír coñecemento con nivel suficiente dalgunha das linguas dos países de destino; ter coñecementos de informática e non ter sido beneficiario dunha bolsa do programa Leonardo convocada pola Deputación de Ourense. Os gastos que cubre a bolsa son os desprazamentos de ida e volta, preferentemente en avión, as prácticas laborais nunha empresa seleccionada en atención ao perfil profesional do beneficiario, a titoría das prácticas laborais, un curso de inmersión lingüística, seguro e unha dotación mensual que consistirá no aboamento da axuda para custos de aloxamento e manutención.Trala recepción de solicitudes, realizaranse as probas de lingua estranxeira, que terán lugar os días 5 e 6 de novembro no Centro Cultural da Deputación. Unha vez realizadas estas probas os aspirantes deberán presentar no prazo de tres días a seguinte documentación: un currículo en formato europeo, unha carta de motivación, un formulario de prácticas e un formulario de aloxamento. As bases da presente convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia.Subvencións a deportistas e técnicos deportivosNo que atinxe ao deporte, o nº 238 do BOP recolle as bases reguladoras da convocatoria de concurso público para a concesión de subvencións a deportistas cualificados e técnicos deportivos para o ano 2009. O importe total destinado para estas subvencións ascende a 47.500 euros, e no caso dos deportistas a contía máxima para cada beneficiario será de 3.000 euros, mentres que para os técnicos deportivos a subvención será de 1.500 euros para cada beneficiario.O obxectivo destas achegas é mellorar a formación e rendemento dos deportistas cualificados, sendo requisito para optar ás subvencións estar en posesión da ficha federativa dalgún clube da provincia de Ourense, exclusivamente en modalidades deportivas individuais, durante a tempada 2008-2009. Tamén poderán ser beneficiarios aqueles deportistas vinculados ao deporte ourensán que, anque non existe clube da súa federación en Ourense, presenten licenza federativa do clube ao que pertencen; e aqueles deportistas que, aínda que non posúan licenza por clube ourensán, se considera que pola súa especial xuventude e progresión son merecedores dalgunha axuda.Os criterios para a concesión das subvencións son: ter sido beneficiario das axudas en exercicios pasados; ter participado en probas internacionais coa selección española; ter representado a Galicia en probas nacionais e internacionais; participar en campionatos nacionais absolutos ou por categorías, e outros requisitos como a progresión deportiva, a situación no “ranking”, as marcas, e posuír outros especiais méritos deportivos.Por outra banda, as subvencións para técnicos deportivos van destinadas a asistencia a xornadas de estudo, congresos e simposios ou calquera curso ou actividades formativa relacionada coas ciencias da educación física e o deporte, así como para a realización de proxectos de investigación nesta materia. Poden ser beneficiarios os técnicos deportivos (titulados en educación física, médicos especializados en materias deportivas e técnicos deportivos en xeral) que realicen o seu labor deportivo na provincia de Ourense.Neste caso, serán igualmente subvencionables aqueles proxectos de investigación que sexan beneficiosos ou se refiran a aspectos específicos do deporte ourensán, aínda que os seus beneficiarios non desenvolvan o seu traballo deportivo habitual na provincia de Ourense. As solicitudes para ambas subvencións deberán presentarse na Deputación de Ourense no prazo dun mes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario