MOISÉS BLANCO PARTICIPA EN PARTENALIA E VISITA A FUNDACIÓN GALICIA EUROPA EN BRUXELAS
O vicepresidente 2º da Deputación de Ourense, Moisés Blanco, participa hoxe en Bruxelas na reunión do Consello Político da rede “Partenalia”, rede europea de administracións intermedias que engloba a provincias españolas, italianas, belgas, entre outras, cuxo fin é representar os intereses das administracións locais en Europa.
Infogauda / Bruxelas
Na xuntanza aprobáronse os estatutos da rede, paso imprescindible para dotar de personalidade xurídica á rede para actuar como ¨lobby¨ (a súa sede estará en Bruxelas) en defensa dos intereses das diferentes provincias ante a Unión Europea. Asemade, os representante debateron sobre as prioridades da rede cara ó 2010, nas que se aceptaron as propostas para a presentación de varios proxectos relacionados co desenvolvemento local a varias iniciativas europeas por parte de varios socios da rede.O programa de Moisés Blanco en Bruxelas incluíu tamén a visita da sede da Fundación Galicia Europa, fundación da que forma parte a Deputación de Ourense, para entrevistarse co director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e coa directora da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, co obxectivo de coñecer de primeira man as novidades que se porán en marcha nesta lexislatura por parte da dirección xeral e a fundación para sopesar as posibilidades de acceso da Deputación de Ourense aos proxectos europeos a través da fundación, coa finalidade de realizar accións conxuntas.Moisés Blanco interesouse polas iniciativas desenvolvidas en materia de promoción económica dos sectores produtivos ourensáns, en especial os sectores extractivos, coma o da luosa, agroalimentario e téxtil, entre outros. Neste sentido, analizouse como unha das accións a poñer en marcha a organización de xornadas de difusión da lousa ou das denominacións de orixe ourensáns no Centro de Negocios Galicia Europa, e outras iniciativas que poidan ser de interese para a Deputación de Ourense na defensa dos intereses da nosa provincia en Europa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario