OURENSE RENDE HOMENAXE A JOSÉ ÁNGEL VALENTE, O NOSO POETA MÁIS INTERNACIONAL

A Deputación provincial de Ourense acolleu hoxe a presentación das actividades que se desenvolverán entre os días 23 ao 25 de setembro enmarcadas dentro do programa “José Ángel Valente, memoria sonora”, para render homenaxe ao noso poeta máis universal na data na que cumpriría 80 anos.
Infogauda / Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, acompañado polo alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez; o vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, e o director da Cátedra Valente da Universidade de Santiago, Claudio Rodríguez Fer, presentaron o programa de conferencias, mesas redondas, recitais poéticos e concertos que teñen coma obxectivo coñecer máis polo miúdo a figura deste gran poeta ourensán, un dos máis importantes poetas españois do século XX.
José Luis Baltar dixo que en Valente destacan tres aspectos fundamentais: “O seu amor por Ourense, á musicalidade da súa obra poética e a súa condición de emigrante coma miles de ourensáns. Estamos ante un intelectual do que todos nos sentimos orgullosos, e que a piques estivo de conseguir o premio Nobel, feito que non foi posible debido a súa temprana morte”.
Trátase de difundir a memoria de José Ángel Valente dende a perspectiva sonora, fundamental na súa obra, combinando poesía e música. Unha homenaxe ao poeta na súa cidade natal, Ourense, composta por unha serie de recitais poéticos e conferencias, por unha banda, e un concerto de música contemporánea, por outra. Por un lado, a celebración dun ciclo de charlas, lecturas e recitais relacionados con poemas especialmente significativos de Valente, se verá enriquecida por unha perspectiva máis persoal: a presenza de achegados de Valente dos seus anos de Ourense permitirá realizar un percorrido poético polos lugares da súa vida na cidade.
Por outro lado, a homenaxe centraráse na relación de Valente e a música, culminando coa estrea dunha obra escrita “ex profeso” para este aniversario por Mauricio Sotelo, compositor íntimamente ligado a Valente. Deste xeito preténdese realizar un tributo a este poeta fundamental para a modernidade en España, dende Galicia a Andalucía, pero tamén na súa perspectiva europea. Esta homenaxe é posible gracias á colaboración entre institucións galegas, como a Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Ourense, a Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e Universidade de Santiago de Compostela (Cátedra José Ángel Valente).
As xornadas, que terán lugar no Teatro Principal de Ourense, contarán con créditos de libre eleccións para os alumnos da Universidade de Vigo, segundo confirmou o vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez
Cátedra Valente
Segundo explicou Claudio Rodríguez Fer, a Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética creouse tras a doazón feita polo universal poeta galego á Universidade de Santiago de Compostela do seu arquivo e biblioteca persoais. En consecuencia, a primeira función da Cátedra é a custodia, catalogación e estudo do importante material doado, así como a organización de actos e a publicación de obras relacionadas co legado recibido. Non obstante, a actuación da Cátedra, denominada de Poesía e Estética por desexo do propio escritor, está aberta ás múltiples conexións interdisciplinares e interartísticas que a proteica obra de Valente establece coa poesía e coa estética en xeral. A creación da Cátedra, que sucedeu á investidura de Valente como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1999, tivo lugar no ano 2000, en ambos casos durante o Rectorado de Darío Villanueva. Para albergar todo o material doado designouse un espazo específico no último andar do recinto da Biblioteca da Facultade de Filoloxía, pechado e amoblado con estanterías, mesas para investigadores e medios electrónicos para o traballo. O Reitorado nomeou como director inicial da Cátedra ao daquela tamén director do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, Luis Iglesias Feijoo e, como secretario, a Claudio Rodríguez Fer, estudoso e amigo de Valente, quen exerce como director da mesma dende o ano 2005. Por benevolencia do artista Antoni Tàpies, moi vinculado persoal e esteticamente a Valente, o deseño do logotipo da Cátedra, usado en todas as súas actividades e publicacións como signo identificador, está baseado nun motivo do pintor catalán presente nun debuxo da colección persoal do poeta e publicado por primeira vez no libro Material memoria en 1979. 
Ningún comentario:
Publicar un comentario