24 de set. de 2009

GALICIA

A XUNTA INCREMENTA, CON MÁIS DE 300 NOVAS PRAZAS, UN 8,6% A OFERTA DESTINADA A PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Desde o próximo mes de novembro o parque de prazas en centros de día, ocupacionais e residenciais, financiadas con fondo públicos pasará das 3.854 actuais a 4.171

O Consello da Xunta aprobou hoxe o primeiro paquete de contratación de prazas que ascende a 3.223 para o que se destinarán máis de 33 millóns de euros

A Xunta de Galicia incrementa con 317 novas prazas –un 8,6 por cento- a oferta destinada a persoas con discapacidade, tanto en centros ocupacionais como residenciais. De feito, o Consello da Xunta aprobou hoxe o primeiro paquete de contratación de prazas, que ascende a un total de 3.223, e para o que se destinan 33 millóns de euros entre 2009 e 2010.
Infogauda / Santiago de Compostela

A partir do próximo mes de novembro, continuaranse contratando os seguinte lotes, ata chegar ás 4.171 prazas, para cuxa totalidade se destinarán preto de 42 millóns de euros no ano 2010, o que significa un incremento orzamentario do 20,6% respecto ao exercicio 2008-2009.
Este incremento posibilitará a posta en funcionamento de 9 centros de día, 3 novas residencias para dependentes e unha vivenda tutelada, ademais do aumento de prazas noutros centros que xa se financiaban. É preciso destacar que nesta ampliación a Consellería de Traballo e Benestar priorizou as prazas destinadas a persoas dependentes (centros de día e residencias de gravemente afectados).
O obxectivo deste proxecto é aumentar a cobertura para atender as necesidades existentes deste colectivo e unificar a carteira de servizos. Esta unificación conséguese ao pasar a contrato as prazas que ata o de agora se financiaban con convenios de colaboración con entidades sociais. Deste xeito, pásase de prazas financiadas con fondos da Administración, o que suporá unha mellora cualitativa importante para o usuario.
Ademais, a Consellería procedeu a revisar os módulos económicos sobre os que se financiaban as prazas de carácter residencial. Logo desta revisión, estes módulos incrementáronse nun 5,9 por cento para as residencias destinadas á persoas con discapacidade gravemente afectadas (dependentes) e nun 12,72 por cento para as que posúen certa autonomía.
O investimento plurianual -14 meses- dos 33 millóns aprobados hoxe no Consello da Xunta repártese entre diferentes tipoloxías de centros e distintas modalidades de prazas -externados, internados ou media pensión, entre outros-. Así, o departamento autonómico destina un total de 9,9 millóns entre 2009 e 2010 á reserva e ocupación de prazas para residencia con centro de día (332 prazas en réxime residencial e 150 en media pensión) e 9,7 millóns para residencia con centro ocupacional (556 e réxime de residencia e 448 en media pensión), estas últimas destinadas a persoas con discapacidade con necesidades de apoio límite e intermitente, sen dependencia de terceira persoa.
No que se refire ao concerto de prazas en centros ocupacionais, a Xunta destina uns 6,3 millóns para xestionar un total de 1.125 prazas. Finalmente, para centros de día, destínanse preto de 7 millóns para concertar 612.

Ningún comentario:

Publicar un comentario