20 de xuño de 2009

Vidas en perigo mentres os Gobernos negan protección ás persoas refuxiadas en Europa


A reforma da Lei de Asilo en España incorpora aínda máis barreiras para quen buscan protección internacional


Amnistía Internacional / Vigo



AI reclamará al Delegado de Gobierno en Galicia datos sobre polizones solicitantes de asilo desde 2004


No Día Mundial do Refuxiado, as portas de Europa péchanse e pásanse por alto os dereitos de quen buscan refuxio, e Amnistía Internacional advirte que os gobernos europeos están pondo vidas en perigo ao negar protección ás persoas refuxiadas. “As persoas refuxiadas arriscan a súa vida para atopar seguridade e o único que se atopan ao chegar a Europa é que as devolven”, afirmou Alberto Estévez, portavoz de Amnistía Internacional en Galicia. “Os gobernos teñen que deixar de pór vidas en perigo e cumprir as súas obrigacións internacionais para protexer a estas persoas vulnerables”.
Países limítrofes do espazo europeo están mostrando unha absoluta indiferenza cara ás súas obrigacións internacionais con respecto ás persoas refuxiadas:
• Os acordos bilaterais que España mantén con diversos países africanos utilízanse para xustificar a detención arbitraria, a reclusión e a expulsión de inmigrantes e posibles solicitantes de asilo.
• Italia está a interceptar a persoas estranxeiras en augas internacionais e, sen avaliar a súa necesidade de protección internacional, está a trasladalas a Libia, onde as persoas inmigrantes e solicitantes de asilo corren perigo de sufrir malos tratos e de ser devoltas a países nos que corren perigo de sufrir graves abusos contra os dereitos humanos.
• Turquía continúa sen recoñecer como refuxiadas ás persoas procedentes de países non europeos, o que significa que a miles de persoas négaselles a protección que necesitan.
• Grecia envía ás persoas á fronteira terrestre e marítima con Turquía sen avaliar primeiro as súas solicitudes de asilo. Quen entran no país atópanse con numerosos obstáculos xurídicos para obter protección.

No Día Mundial do Refuxiado, AI lémbralles aos Estados da UE que a súa actuación está socavando a protección dos refuxiados, non só nos seus propios países senón en todo o mundo, ao enviar unha perigosa mensaxe sobre o trato a estas persoas.

Dificultades dos polisóns en Galicia para pedir asilo

Entre 2000 e 2003 (últimos datos oficiais dispoñibles) chegaron a portos galegos 140 polisóns. Un terzo pediu asilo, pero só 10 solicitudes foron admitidas a trámite. As demais consideráronse infundadas, a pesar de que algúns solicitantes viñan de países en guerra ou con graves violacións de dereitos humanos. Amnistía denuncia que na práctica, non dispón de asistencia letrada e de intérprete desde o primeiro momento, clave para identificar a quen necesitan protección.

España: unha carreira de obstáculos para os solicitantes de asilo
As políticas da UE en materia de inmigración e asilo convertéronse nos últimos anos en auténticas barreiras que dificultan ou impiden que moitas persoas que foxen de graves violacións de dereitos humanos, poidan chegar a Europa e obter protección internacional. España é un claro exemplo desta tendencia restritiva. O traslado da responsabilidade sobre o control migratorio a países como Marrocos, Mauritania ou Senegal e o endurecemento das políticas de control migratorio, en especial na fronteira sur (Illas Canarias, Ceuta, Melilla), levou a que moitas persoas que intentan chegar a España fuxindo de violacións de dereitos humanos non poidan chegar e pedir asilo ou non sexan identificadas como persoas necesitadas de protección internacional. Ademais, aumenta o risco de que as vítimas sufran novas violacións de dereitos humanos durante a viaxe, nos países en tránsito ou na fronteira. O xoves 25 de xuño discutirase no pleno do Congreso dos Deputados o Proxecto de Lei Reguladora do Dereito de Asilo e da Protección Subsidiaria. O texto introduce melloras para quen poidan solicitar asilo como o recoñecemento da persecución por motivos de xénero, un título específico sobre “Menores e outras persoas vulnerables”, un capítulo sobre a obrigación de proporcionar servizos sociais e de acollida aos solicitantes, a regulación da protección complementaria e o compromiso de que España participará nos programas de reasentamento de refuxiados do ACNUR cunha cota anual. “Con todo -denunciou Estévez- o proxecto restrinxe considerablemente o mero feito de poder acceder ao dereito de asilo, un dereito humano universal. Resulta moi preocupante o reducido número de estatutos de refuxiado solicitados e concedidos nos últimos anos. En 2008 foron unhas 4.000 solicitudes de asilo e tan só uns 100 estatutos de refuxiados concedidos, a cifra máis baixa de concesións durante o período 2001-2008. E o actual proxecto limitará aínda máis o acceso de vítimas de violacións de dereitos humanos a solicitar protección internacional”. Amnistía Internacional trasladou aos grupos parlamentarios, así como ao Goberno a grave preocupación que suscitan algúns artigos deste Proxecto, xa que supón unha redución substancial das garantías das vítimas á hora de solicitar protección. Neste sentido, Amnistía Internacional quere destacar:

- A exclusión do dereito a solicitar asilo dos europeos comunitarios. Esta limitación é contraria á Convención de Xenebra que debe ser a pedra angular de todo sistema de asilo, cuxo artigo 3 prohibe expresamente a discriminación por nacionalidade, xa que isto implicaría pór en perigo o carácter universal do “dereito a buscar asilo, e a gozar del, en calquera país”; recoñecido na propia Constitución Española (artigo 13.4).

- A desaparición da posibilidade actual de pedir asilo ante unha embaixada ou consulado españois, medida inxustificada e especialmente grave ante a tendencia a aumentar os obstáculos para acceder ao procedemento de asilo en territorio español.

ü A incorporación de fórmulas xuridicamente imprecisas, como “constituír un perigo para a seguridade de España” ou “constituír unha ameaza para a Comunidade”, que veñen engrosar a lista de causas de exclusión á hora de solicitar protección internacional, e que exceden a Convención de Xenebra.

- A creación de diferentes procedementos de tramitación que contribúen a reducir as mesmas garantías para os solicitantes de asilo en función do lugar onde soliciten protección, de modo que os solicitantes de asilo en fronteira terán máis dificultades para poder optar a conseguir a condición de refuxiado.

Logo de analizar o texto final do Proxecto de Lei que se debaterá o próximo 25 de xuño no Congreso, Amnistía Internacional lamenta que España non aproveite esta oportunidade de avanzar na protección dos dereitos dos refuxiados e solicitantes de asilo. Por este motivo, esperamos que o texto da nova lei aínda sufra modificacións no trámite parlamentario ou, pola contra, suporá un paso atrás respecto da Lei de Asilo actual e un retroceso nas obrigacións internacionais de España en materia de dereitos humanos, asilo e refuxio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario