O MAGO CAYETANO LLEDÓ ACTUOU NO ROSAL

Reportaxe: Concello do Rosal
Fotografías: Juan Ramón M. Barbosa
Organizada pola concellaría de Cultura que dirixe Charo Tabales Perozo, na tarde de onte tivo lugar no Auditorio Municipal do Rosal a actuación do mago galego Cayetano Lledó, presentando o seu espectáculo “Máxico Circus Cabaret”. Unha mistura de comedia, clown, maxia ou mesmo hipnose que fixo as delicias do público asistente. Cayetano Lledó foise transformando en poucos segundos en multitude de personaxes.
En primeiro lugar e como presentador actuou Francois Lafallette, patrón do circo, máis tarde o mago chinés Tchai Lee Shing. Dende Hollywood tampouco faltou a esta cita rosaleira o coñecido Groucho Marx. A muller barbuda, Xiana, bailaora e experta nas artes adivinatorias, o secretario do circo, o sonámbulo e as súas esferas de vidro ou o profesor Sotelo, hipnotizador e conferenciante galego decidiron achegarse ata O Rosal da man de Cayetano Lledó.
Como amosan as imaxes, Xiana contou coa colaboración de Pepe e Conchi, que entre risas subiron ata o escenario, ao igual que Miguel, que foi “hipnotizado” polo profesor Sotelo.
Sen dúbida unha cómica, agradable e máxica actuación a de Lledó no Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario