9 de xuño de 2009

MÚSICA

XEROCK NO AUDITORIO CAIXANOVA DE VIGO

O grupo Xerock en plena actuación no Auditorio CaixaNova de Vigo o pasado sábado 6 de xuño.

José Carlos González / A Guarda

Despois dunha copiosa comida polo casco vello vigués e algunhas copas de bó viño coa agradable compaña dos colegas de ANHIDA (Asociación de Nenos con Hiperactividade e Déficits de Atención) , os Xerock estaban máis que preparados pra prenderlle lume ás táboas do escenario Caixanova.

Unhas 300 persoas acudiron á cita solidaria que convocaba a Asociación de rapaces hiperactivos de Vigo na celebración do seu 5º aniversario.

As actuacións, que comezaron ás 18:00, se sucederon cunha agradecida puntualidade e como estaba previsto a iso das 20:00, despois da solemne Agrupación de Acordeons de Valladares - e aínda sen deixar terminar o presentador do festival - comezou unha descarada guitarra a escupir notas de entre bastidores...

Todo estaba listo: o pano abriuse de par en par, e unha tras outra os escacha-utopías rapaces de Xerock interpretaron o repertorio do seu particular rock da integración, versioneando - baixo letras de seu - dende grandes clásicos punk coma o "Teenage Kicks" dos Undertones, ata unha simpática e gamberra versión dos "Mojinos Escocíos", para terminar cun melancólico blues dos que mandan os cánones...

A súa breve pero intensa actuación non superou os 30 minutos, ainda que dabondo para demostrar unha vez máis que estes rapaces, endemoniados polo rock and roll auténtico e con mensaxe, queren facerse escoitar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario