9 de xuño de 2009

GALICIA

Comisións Obreiras pídelles ao Goberno da Xunta e aos grupos parlamentarios un consenso sobre a lingua






O sindicato quere que a modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública de Galicia recolla, ante todo, os dereitos da cidadanía a ser atendida en galego

S.N. de CC.OO. de Galicia / Santiago


O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC OO) pídelle á Xunta e aos grupos parlamentarios un consenso sobre a lingua «que remate coa actual espiral de despropósitos». Mañá [por hoxe mércores] entra a debate parlamentario a proposta de modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública, referido ao galego nas probas de acceso.
CC OO rexeita a dita modificación, chama ao maior consenso posible e pide que, ante todo, se garantan os dereitos das cidadás e cidadáns a seren atendidos en galego se así o desexaren.
Para CC OO, a proposta de modificación presentada retrotraería o uso do noso idioma a termos de hai vinte anos e non garantiría os dereitos da cidadanía. Desde o sindicato lembran que están ao dispor do Goberno autonómico e dos grupos parlamentarios para lograr ese consenso, de tal xeito que a lingua «non sexa un instrumento permanente de enfrontamento partidista».
Redacción actual do artigo 35
Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego na Administración pública de Galicia e para garantir o dereito das administradas e dos administrados ao uso da lingua propia de Galicia nas relacións coa Administración pública no ámbito da comunidade autónoma, e en cumprimento da obriga de promover o uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia que determina o artigo 6.3º da Lei de normalización lingüística, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e nas entidades locais de Galicia, terase que demostrar o coñecemento da lingua galega.
Para estes efectos, as bases das convocatorias establecerán que unha ou máis das probas do proceso selectivo se deberán realizar exclusivamente en lingua galega, e iso sen prexuízo doutras probas adicionais, que se puidesen prever, para aqueles postos de traballo que requiran un especial coñecemento da lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario